Arte contemporánea en Galicia 2012. O estado da cuestión no sector.

Xornada

Arte contemporánea en Galicia 2012. O estado da cuestión no sector.

12, 13, 18 e 19 de abril de 2012
Santiago de Compostela
Xornada

Arte contemporánea en Galicia 2012. O estado da cuestión no sector.

12, 13, 18 e 19 de abril de 2012 Santiago de Compostela

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega organizou ao longo dos tres últimos anos, 2009-2011, unha serie de xornadas: Arte + Espazo Público, Arte + Grandes Eventos e Arte + Narrativa Gráfica, contando coa participación de numerosos profesionais de ámbitos e procedencias xeográficas diversas.


No seu labor de difundir a actividade artística que acontece en Galicia, esta Sección apostou tamén, en xuño de 2010, pola creación dun soportal na internet, ATALAIA (www.culturagalega.org/atalaia) co obxectivo de converterse nun arquivo e base de datos de referencia que permita, tamén, seguir a actualidade do sector.


Nestas alturas de 2012, consideramos que é tempo de centrar o foco dentro de Galicia. Analizar o estado da cuestión e dar a palabra a persoas representativas que exercen como artistas, comisarios, críticos, docentes, galeristas, coleccionistas, xerentes culturais, programadores institucionais, etc., que tentan traballar para que a contemporaneidade estética teña dinamismo nas súas diferentes canles e non sexa allea aos nosos sinais de identidade e ao diálogo co mundo actual.


Os diferentes axentes do sector propoñen, demandan, reciben ou xestionan a posta en marcha de proxectos de características moi diversas (desde unha exposición ata a realización dunha feira, unha iniciativa editorial ou a presenza e tratamento nos medios de comunicación, o labor dunha galería privada ou dunha institución pública), mais o grao de consideración e resposta social non semella satisfactorio ou proporcional ao que se está a ofrecer. Mesmo o mapa dos centros e espazos para a arte en Galicia ofrece expectativas de futuros incertos, ben pola dimensión errática dalgúns novos proxectos, ben polos riscos de continuidade que están a correr outros xa existentes e, no seu conxunto, tamén polas dificultades de acción e implicación que teñen moitos profesionais para desenvolver as súas traxectorias. Quen máis, quen menos, pode achegar estas sensacións contrastadas a miúdo en encontros dispersos, xuntanzas esporádicas e informais entre profesionais das diversas disciplinas e con puntos de vista ben diferentes. Conversas das que se poderían extraer preguntas como as seguintes:


- O eido da arte contemporánea en Galicia vai por un camiño afastado e alleo á sociedade á que proclama destinar as súas ideas e realizacións?
- Como se analizan e asumen as responsabilidades que teñen cada un dos diferentes gremios do sector?
- É posible -ou utópico- contemplar o sector como un sector cohesionado e representativo da pluralidade de ideas e actitudes das persoas que o constitúen?
- Existe unha voz propia, consensuada, que se faga notar como colectivo no eido social, cultural e económico de Galicia? Ou, pola contra, o panorama resúmese como unha fragmentación dos intereses individuais ou gremiais, para chegar a unha conclusión tipo “todos con todos e contra todos”?
- En 2008, no estado español, creouse o Instituto de Arte Contemporáneo (IAC) no que están representadas diversas asociacións que constitúen o sector artístico estatal, sería posible e pertinente chegar á creación dun organismo semellante en Galicia? Ou os intereses e as prioridades son outras e ben diferentes?
- Nestes momentos que corren e os que virán, é hora de actualizar o plano de situación? A que novas res¬postas podemos chegar diante das preguntas dos “que, quen, como, cando, onde, por que e para que?”


Desde as súas características de observatorio, análise e asesoría, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, como grupo de traballo pertencente ao Consello da Cultura Galega, propón a realización dunhas xornadas para reflexionar e debater sobre o estado actual da arte contemporánea en Galicia segundo os contidos e metodoloxía que presentamos a continuación e que se desenvolverán os días 12 e 13, 18 e 19 de abril.