Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega

Xoves, 24 de maio de 2012
Información

Esta xornada, organizada co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), ten como obxecto debater a actualidade das propostas críticas verbo do papel histórico e presente da emigración galega. Para iso reavaliarase, dende unha perspectiva actualizada, a discusión que provocara a aceda crítica ás colectividades de emigrantes galegos en Venezuela que contiña Viaxe ao país dos ananos, e tentarase tracexar cales poderían ser os paralelismos e as leccións desa discusión no presente, despois de que nos últimos anos a cuestión da reforma do dereito a voto dos ausentes estivese na axenda política e volva estar de novo con vistas a unha segunda reforma.

No decurso da xornada abordarase a biografía político-intelectual de Celso Emilio Ferreiro denantes e despois da súa emigración a Venezuela; o contexto e os trazos principais da inmigración galega e da colectividade galega en Venezuela entre as décadas de 1940 e 1970; e mais a discusión transnacional, na propia galicia e nas comunidades de emigrantes de américa e Europa, que foi provocada polas acusacións de Celso Emilio, o que tamén se vencellaba coas propias ideas do poeta arredor do feito migratorio. Concluirase cunha mesa redonda en que se reflexionará sobre a actualidade ou non das propostas do celanovés e dos seus críticos, e tentarase un posíbel balanzo da relevancia que a emigración e mais as comunidades de emigrantes desempeñaron na historia e no presente de galicia.

Ficha técnica
Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega
Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega
Xornada. Xoves, 24 de maio de 2012
Coordinación
Xosé M. Núñez Seixas
Ámbito
Comisión de Acción Exterior (CCG)

Organiza
Arquivo da Emigración Galega (CCG)

LUGAR
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel. 981 957 202 - Fax 981 957 205

Participante
Anxo Lugilde
Xosé Neira Vilas
María Xosé Porteiro García
Román Rodríguez González
Ramón Villares
Relator/a
Ramón Nicolás
Xosé M. Núñez Seixas
Raúl Soutelo