CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS
Acto de clausura
O Consello da Cultura Galega (CCG) culminou o programa de actividades conmemorativas dos seus 25 anos (1983-2008) cun solemne acto presidido polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen se referiu ao CCG como “unha institución determinante e central para a cultura do país”.
A sesión contou tamén coas intervencións de Ramón Villares, presidente; Alfonso Zulueta de Haz, expresidente; Victor Manuel Vázquez Portomeñe, conselleiro de Educación e Cultura da Xunta en 1983, e Francisco Díaz-Fierros Viqueira, membro do primeiro plenario. A conmemoración dos 25 anos da institución celebrouse baixo o lema CREAR CULTURA, IMAXINAR PAÍS, e incluíu diferentes actividades, entre as que destacaron seis foros de debate e unha exposición que está a percorrer as principais cidades de Galicia.
O solemne acto que clausura os actos conmemorativos dos 25 anos do CCG reuniu unhas cento cincuenta persoas e, ademais das intervencións referidas, e a entrega das insignias do Consello aos antigos membros do Plenario, incluíu un recital de violín e piano. Pedro Rodríguez (violín) e Maximino Zumalave (piano) interpretaron “Preludio e allegro”, de Fritz Kreisler e “Romance”, de Andrés Gaos.
O acto contou coa presenza de autoridades e personalidades, entre as que cómpre salientar a: Pilar Rojo, presidenta do Parlamento; Antón Louro, delegado do Goberno; Benigno López, Valedor do Pobo; Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo; Carlos Varela, fiscal-xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Antonio López Díaz, conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia; María Teresa Conde Pumpido, presidenta do Consello Consultivo de Galicia; os ex-presidentes da Xunta, Gerardo Fernández Albor e Emilio Pérez Touriño, ou José Manuel Balseiro, Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia.
DATOS BÁSICOS
Acto de clausura da celebración dos 25 anos do Consello da Cultura Galega
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009
Lugar de celebración: Salón de actos do Consello da Cultura Galega