Colección de lousas

No Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega consérvanse e presérvanse preto de setecentas lousas de contido galego: as primeiras gravacións de 1904, do Coro Aires d’a Terra de Pontevedra e do Orfeón el Eco de la Coruña, rexistros editados na emigración bonaerense (Manuel Dopazo) ou cubana (Coro de la Agrupación Artística de La Habana) así como cancións galegas, como Alborada ou Negra Sombra, interpretadas polas voces líricas máis salientables da época (Ángeles Ottein, Ofelia Nieto…), entre outras. Esta colección de xoias sonoras ponse á disposición pública a través deste especial web.

Presentación dos discos de lousa por X. R. Pousa

Gravar o son foi un dos milagres tecnolóxicos do ser humano. En 1877, Thomas Edison creou o fonógrafo, primeiro artefacto capaz de gravar e reproducir o son, e pechou así un ciclo iniciado en 1857 por Leon Scott e no que interviñeron varios pioneiros. Dez anos despois, Emilie Berliner patentou o gramófono, aparato no que o cilindro de Edison é substituído por un disco plano, que pode ser comercializado como soporte musical, o que deu lugar a unha das principais industrias culturais: a discografía.

As gravacións en “discos de pedra” corresponden á etapa final da era acústica ou mecánica da gravación sonora que, asombrosamente, propiciada pola crise económica de 1929 e pola II Guerra Mundial, se prolonga dende 1890 ata os anos 50 do século XX, se ben dende 1925 esta forma de conservación do son é mellorada e logo substituída polos discos de acetato, primeiro impulsados por técnicas eléctricas, entre 1925 e 1945, e posteriormente, por técnicas electromagnéticas, ata os inicios da dixitalización en 1975.

Chamáronse “discos de pedra” ou de “pizarra”, polo composto terroso e escuro, que lembraba os encerados de colexio, e que en realidade estaba integrado por goma, resina, celuloide, LOUSA ou capas de papel. Máis adiante os soportes foron mellorando coa introdución da baquelita. Este discos, colocados baixo unha agulla que percorría os sucos, xiraban a unha velocidade de 78 revolucións por minuto, amplificándose o son a través dunha aparatosa bucina. Os primeiros gramófonos eran de corda, polo que a velocidade sufría cambios, coa conseguinte modificación do son, e contiñan unha gravación de apenas 4 minutos de duración por cada cara.

No Estado español as primeiras gravacións en pedra foron realizadas en 1899 e prolongáronse ata fins dos anos 50. Estableceuse unha numerosa serie de pequenas casas de gravación sonora —“laboratorios”—, principalmente situadas en Madrid, Barcelona, Zaragoza, Granada, Salamanca, Valencia..., que permitían o acceso á gravación de grupos e coros autóctonos, principalmente de zarzuela, flamenco e da chamada “música rexional”, con tiradas que poucas veces superaban os 200 exemplares. Estas editoras locais, desaparecidas coa chegada do vinilo, competían coas grandes multinacionais discográficas: Edison-Bell, Pathé, Columbia, Lioret, Lambert, Albany...

A evolución das técnicas de gravación sonora electromagnéticas, en vinilo e cinta magnética, e posteriormente o son estereofónico remataron cos gramófonos e retiraron da circulación os discos de pedra, que hoxe son unha rareza, froito do coidado amoroso de quen ve neles un tesouro ou da acción dalgún coleccionista. Os “discos de pedra” representan, pois, os comezos da industria cultural na sociedade de masas, e permitiron a conservación ata os nosos días do son producido por intérpretes de moi diversa índole que, a maioría das veces, contrataban cos “laboratorios” a produción dun disco que, en ocasións, era distribuído comercialmente.

Galicia e a súa música teñen unha dobre presenza nos soportes de “pedra”, a través dos discos producidos no territorio español e as producións sonoras impulsadas pola emigración radicada nos países americanos. O Arquivo Sonoro de Galicia ten reunidas ata o momento preto de setecentas gravacións en “pedra” que reflicten este tempo histórico.