Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal

----

Partido Galeguista

Epístolas
4 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1930-07-06
Carta de Cabeza de León a Paz Andrade. 1930
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Cabeza de León a Paz Andrade. 1930 en 06/07/1930

Santiago, 6 do mes de Sant Yago de 1930


Sr. D. Valentín Paz Andrade


Meu querido amigo e compañeiro:

Recibo a sua cariñosa invitación pro acto galeguista que se proieita en Vigo. Agora ben: O 25 é un dia en que non m-é posibre sair de Sant Yago. Como sabe vosté ven o Ministro de Gracia e Xusticia a facer a ofrenda; e os que temos cargos de Decanos non podemos sair do pobo sin licencia do de Istrucción Púbrica. En circunstancias ordinarias esto non sería incomente; pro vindo o Señor Ministro, sería cousa improsibre conseguir premiso pra tomar parte n-un acto calquera que o arredase a un da pobración. Ademáis, andan aquí algús elementos coa ideia de que se faga n-ese mesmo dia algún acto en Sant Yago; e anque non sería do mesmo xeito que o que vostedes se propoñen, de todas maneiras ven a engadir un oustáculo máis á miña saida. Síntoo moi de veras, pois tiña desexo de falar de este movimento con todos vostedes os enxebres e ver si antre todos adiviñabamos a causa da frebe galeguista que lles entrou a algús dos que andan n-el e que o diaño leve si se podía sospeitar que tivesen tal entusiasmo po-los nosos ideales.
Non faltará ocasión de que charlemos encol de esto; e hastra destonces e sempre, conte co cordial afecto de seu devoto amigo e compañeiro


Salvador Cabeza

1932-10-19
Carta de Carballo Calero a Paz Andrade. 1932
Ferrol
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Paz Andrade. 1932 en 19/10/1932

Ferrol, 19-X-32

Sr. D. Valentín Paz Andrade


Querido irmán:

Ignoro si obran no teu poder dúas cartas do Grupo Ferrolán do Partido, solicitando de ti a mercede de un mitin n-esta vila. O certo é que nin tí contestaches a esa petición nin Pontevedra â notificación oficial de constitución do Grupo.
Espero que de esta vez te molestarás en escribir dicindo cando pode ser eso, e con qué oradores podemos contar. Non pode faltar Picallo. Por min, que veñan os tres diputados. E de saber que falaría eu, e outro de eiquí faría a presentación. Creo que nos debedes proporcionar non menos de tres oradores. Castelao caería moi ben. O outro podes ser tí mesmo, ou Bóveda, ou quen querades.
Decatádevos do intrés que ofrece a conquista de Ferrol, colonia castrense de Castela, ulster e Gibraltar galego, quinto reino de Andalucía, etc, etc, etc. Xa veríades que o Grupo se move, pero apenas hai máis orador que eu, e diñeiro ningún. Non nos esquezades, ou nos pasaremos a Álvaro.
Ocurre que eu fun n-outrora Director de Prensa da FUE, pol-o cal facía «Scholarum». Dende entón, o Pueblo Gallego envíaseme gratuitamente. Pero como agora estóu en Ferrol, non o recibo, e o recibe a miña ex-patrona de Santiago, o que non é xusto. Rógoche que fagas a oportuna xestión pra que, si se empeñan en mandarmo, mo manden a Ferrol, Sinforiano López, 183,3º, e non a Santiago, Troya, 10 baixo; antre outras razóns porque en Troya non podo recibilo.
Espero que me responderás axiña, ante a ameaza de escisión. Escríboche ô Pueblo porque da túa direición somente lembro a verba «Urzáiz». Apertas.

R. Carballo Calero

1932-11-01
Carta de Paz Andrade a Carballo Calero. 1932
Vigo
Ferrol
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Paz Andrade a Carballo Calero. 1932 en 01/11/1932

[Vigo], 1 novembre 1932


Sr. Don Ricardo Carballo Calero
Ferrol

Querido Ricardo:

Ainda hoxe me foi entregada a tua carta do 19 derradeiro, dirixida a-o Pueblo. Das outras cartas non sei, pois é a primeira que recibo d-ese Grupo, despois das que teño escrito a Valerio, en resposta a outras d-él.
Da Segredaría de Propaganda encarregouse de novo Núñez Búa, a-o que trasladaréi a tua petición. Mellor será que indiquedes xa o día, e posto que vides desenrolando unha laboura dinámica, podedes orgaizar otro pol-a tarde n-un pobo perto d-esa vila. Dende logo conven que vaian a-o mitin Picallo e Castelao, e cecais Bóveda. Eu iréi na segunda tanda, pra outro que se orgaice.
Felicítovos cordialmente por esa actividade. Non agardabamos tanto, os que do Ferrol tiñamos conocimento antigo e certo. Adiante, pois.
Farei mañán a xestión que encargas pra a adeministración do Pueblo.
Lembranzas a todol-os irmáns d-ese puxante agrupamento e ti recibe unha forte aperta do teu sempre amigo e compañeiro


[V. Paz-Andrade]

1981-06-02
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981
Guadalajara [nac. México]
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981 en 02/06/1981

Guadalajara, Jalisco, 2 de xuño de 1981



Benquerido amigo Valentín:

Inda que chegaron cando xa tiña enviado o meu traballo ao Instituto de Estudos Valdeorreses, gracias polos datos encol da túa odisea dos anos da guerra e das túas actividades políticas e galeguistas, pois permítenme coñecer a fondo as túas xeiras de perseguido e o teu espléndido labor a prol da Terra. Emporiso penso que, aínda que sen precisar datas, puiden recoller no meu traballo, de unha maneira polo menos decorosa, os trafegos da túa vida de Valdeorrés adoptivo e galego universal, que queira Deus se prolongue moito para ben da Terra e dos teus amigos, pois aínda hai moito que facer e compre traballar deica o fin e máis agora en que están á porta unhas eleizóns que ben levadas poden mitigar o desalento que a todos nos causou o apoucado espíritu que Galiza demostrou no Referendo.
Polo que me dís, os epígonos do vello Partido Galeguista non dan moito a talla que compre ter nesta emposta da máxima importancia para o pervir de Galiza e da Democracia. Esta túa opinión ven a confirmar a que lle ouvín a Roxelio Rodríguez de Bretaña cando voltou da súa viaxe á Terra fai un ano ¡Qué dor! Mais compre non perder os ánimos e ver que é o que se pode facer e máis en qué podemos axudar os que pola nosa sorte mala vivimos lonxe de Galiza co pensamento posto sempre nela e sentindo decote as súas moitas penas e as súas poucas ledicias. Quixera unha resposta túa, a que queira Deus me traia un pouco de razonabel optimismo.
Sei das xestións que fai o noso bon amigo Gayoso, as que de corazón lle agradezo, inda que non me extrañaría o que non deran resultado, xa que penso que a Diputación de Ourense andará arastora moi ocupada coa revolta política de hoxe en día e non terá tempo nin cartos para un asunto tan secundario coma é o da miña viaxe. De toda-las maneiras gracias polo que facedes por min.
Roxelio Rodríguez de Bretaña falóu fai uns días conmigo. Está tamén moi preocupado pola pouca efectividade do Partido Galeguista. Díxome que aínda non recibira a túa carta.
O Lois Soto tenciona ir a esa a fins deste mes. A ver se tes a sorte de que che dea os datos que lle pediches; mais penso que terás que prescindir deles, e perdón se son mal pensado. De todo-los xeitos penso que lle darás bon acabamento ao libro de Castelao que arelo coñecer.
Ogallá nos vexamos este ano. Dementre cordiais saúdos para ti e a túa dona, da miña muller e meus. Unha forte aperta

Florencio