Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.

----

Centro Galego. A Habana

[entidade social] Alén de outras múltiples actividades consta como institución editora de polo menos dúas cabeceiras. Outras publicacións foron acreditadas especificamente dentro do Centro Galego á Asociación de Alumnos "Plantel Concepción Arenal", en mínimo tres títulos; á "Unión Progresista Gallega pro Centro Gallego", en dous; e á "Hermandad Gallega pro Centro Gallego", á "Unión y Defensa pro Centro Gallego" e á Delegación en Santiago de Cuba, nunha cabeceira en cada un dos tres casos.
Epístolas
1 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1973-11-11
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1973
A Habana
A Coruña
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1973 en 11/11/1973


Habana, 11-11-73

A Maruxa e Luis Seoane
Coruña

Queridos amigos:

Onte recibimos carta de Isaac, e por ela soupemos do malfadado acidente. Non poden maxinar canto o lamentamos. Anisia e mais eu estivemos a cavilar arreo en vostedes, a falar de vostedes. Dinos Isaac que Maruxa vai ben, pero que Luis crebou unha perna e unha man –as dereitas– amais doutras lesiós. Esto ten que ser pra vostede, Luis, algo tremendo, non somente polo que representa en molestias unha recuperación desta índole, senón tamén por a súa dinámica, polo seu quefacer constante, por ese traballar sin descanso tendo que agora aturar unha inmovilidade seguramente prolongada. Esto debe ser torturante. En fin, busquemos a parte boa do lerio: un aicidente desta magnitude poidera ter sido fatal (penso en Aníbal Ponce, en Camus, en Martín Santos...) e por fortuna non o foi. Viven! Témolos! Uns trastazos, duros de curar, pero que sabemos que curan, que é cuestión de unhas semáns de paciencia. A vida soe gardarnos esas solpresas, eses contratempos, pero o caso é que siga sendo vida. Ánimo, amigos.
Fai uns quince días chegoume de Galaxia Comunicaciós mesturadas. Estupenda coleición. Eu lémbrome de cando vin na casa de vostedes unha carpeta de anillas, de cuberta negra onde tiñan estes editoriales (ou como se chame) da audición Galicia emigrante (craro que esto foi alá polo 60 e dende entón escribeu moitos máis) e falamos da posible edición, pois eu que os escoitaba domingo tras domingo estaba entusiasmado co seu valor documental. Ratifico o mesmo entusiasmo agora que os vexo (a seleición que escolleu) en libro. Felicítoo por esa decisión. De seguro que o libro sobre Montenegro, o aventureiro aquel de fins do século XIX. Eu tiña lido o artigo de Vilanova e tiña engadido algús datos que se non consignan como é o de que en 1892 dirixeu na Habana un semanario tiduado La Voz de Galicia e que El brujo estaba dibuxado enteiramente por el (tiven fai poucos días exemplares de ambos nas miñas mans). Estes son detalles para engadir, pois o que di vostede e o que di Vilanova é amplísimo. Outro detalle: o cadro de Brocos La defensa de Lugo, coido que si, que houbo unha iniciativa de donación por parte do Centro Galego, pero non chegou a donarse, e inda fica no palacio do dito Centro, hoxe estinguido, sede da Sociedad de Amistad Cubano Española, onde hai outras obras. Algún día ampliarei un chisco este formidable traballo seu (eu case non sabía quen era Brocos) engadindo, por exemplo, canto pagou polo cadro o Centro Galego cando o mercou, etc. O cadro ocupa un lugar de preferencia no vestíbulo central, baixo o escudo de Galicia. Consérvase ben anque un destes días vou ir por alí con un profesor de artes plásticas e escultor amigo pra ver de analizar o seu estado detidamente, e tamén de outras obras (un retrato de Rosalía, outro de Concepción Arenal, Pastor Díaz, W. A. Insua).
De Galicia, mandáronme (Alonso Montero) a Figuración feita por vostede da miña persoa, pubricada en La Voz de Galicia. Gárdoa con agarimo, por ser de vostede a quen –fai falla repetilo?– aprecio e respeto fondamente. Hónrame moito as súas palabras alí verquidas. Palabras que sei son sinceiras; palabras de amigo.
Lémbrase da esposición de 1960 sobre o periodismo galego na Arxentina? Pois acabo de montar (agosto pasado) unha sobor do de Cuba, moito máis ampla aínda (mentras en Bos Aires abundan as revistas de sociedades, aquí destacan as revistas e semanarios independentes). Tomei, pra a crónica que escribín, unhas palabras súas porque resultan moi axeitadas. Vai recorte coa presente.

Namais. Que se poña ben axiña. Apertas fraternas ós dous, de Anisia e

Xosé Neira