Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.

----

Cámara Oficial de Comercio, Industria y Navegación de A Coruña

[entidade gremial] Creada en 1886. O seu obxectivo principal é velar polos intereses xerais do comercio, a industria e a navegación da provincia da Coruña.
Epístolas
1 mencións
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1977-10-01
Carta de Seoane a Piñeiro. 1977
Bos Aires
Santiago de Compostela
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Seoane a Piñeiro. 1977 en 01/10/1977

Buenos Aires, 1º de Outubro de 1977

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Ramón:

Recibín a tua carta do 16 do mes pasado que agradecín moito, púxonos moi ledos o que tivésedes estado xuntos Lorenzo e Marika con vos. Houbéseme gustado estar presente na vosa xuntanza despois de mais de corenta anos de non se ter visto. Varela é un home de gran talento, con unha obra de poeta en castelán moi espallada en pequenas monografías, catálogos, prólogos e con unha laboura de crítico de arte que a xente lembra con moito respeto pola súa xusteza e sensibilidade. Do que ocurre en España, en xeral, estamos moi informados pola prensa. Trátase en cada país de ter ao tanto ao lector das desgracias, ou supostas desgracias, de outros países. Para min o máis importante é que a apertura progrese aínda que de momento non os satisfagan moitas das medidas que se toman. E, en canto a Galicia, con unha concencia galeguista superior ao pasado, penso que lle falta prensa no exterior, que as axencias periodísticas non se ocupan dos sucesos galegos ou dos problemas de Galicia na proporción que deberan e en relación con cataláns e vascos. Matino que tiña de se estudar a creación de unha axencia de noticias galega que surtise esa información á prensa da penínsua e das terras onde hai emigrantes nosos.
Recibín o libro de Freixanes que che agradezo. Lástima que nesa entrevista que se refire a min casi invéntame unha vida que non é a miña. Nin meu pai foi tendeiro, senón un emigrante que traballou en moitas cousas como todolos emigrantes, rematou sendo un comerciante moi chestertoniano, algún dia escribirei desto, nin eu fun á escola na Coruña porque me mandaron meus pais, senón simplemente porque vivíamos na Coruña, onde logo traballei de abogado con bastante éxito, para os dous ou tres anos en que me adiquei a elo; nin teño sillón de vimbio na miña casa da Coruña, nin a muller que pintei con un cartel no peito era a nai de un emigrante, sinón unha emigrante que escarneceron as autoridades suizas, etc. E non entendeu tampouco a miña posición en canto aos emigrantes. Eu deféndoos como pobo, no seu conxunto, non me refiro senón en poucos casos, a eles individualmente. Cando son centos de miles os que saen de un país cara outro é como si se tratara de unha invasión pacífica e van creando hestoria. E tamén cando son centos de miles algo fan sempre pola sua terra. Eu tamén estou resentido persoalmente con algúns emigrantes mais penso que equivalen na sua mentalidade aos comerciantes de ultramarinos de Galicia, e estes tampouco endexamais me preocuparon. Eu separeime absolutamente da colectividade galega de Buenos Aires aínda que ela colectivamente hónrame como galego e ademíroa, como ademiro a todos os homes da terra que loitan soios sen outra axuda que a sua solidaridade. Nunca lles pedín nada, e cando traballei para eles pagáronme. Todo o outro que fixen fíxeno por Galicia e non tiven necesidade do estímulo da colectividade. A miña vida intelectual estivo sempre en relación cos que tiñan iguales preocupacións artísticas e literarias fosen ou non galegos. Eu nunca, estando en Galicia, me preocupei da opinión encol de min da Cámara de Comercio da Coruña, por poñer un exempro, ou do Casino de Santiago, por poñer outro. A Dónega escribinlle algo de esto. Editei libros que eles nin siquera coñecen e que, sin embargo, están dedicados a eles polos seus autores, pero que foron a pagar as mans dos seus fillos arxentinos. E os emigrantes cos seus traballos e uns poucos de nós, moi poucos, co noso de intelectuales, ben alleo do deles, erguemos o nome de Galicia en América e fumos facendo algo ao mesmo tempo por Galicia. Eu non desprecio a ninguén, esto é o que quero decir. E posible que algún dia escriba desto, dos emigrantes, para Grial si o publicades. Non se estudou o seu aporte colectivo a Galicia, as suas influencias, nin o aporte de Galicia a América a traveso deles.
Perdóname, a Freixanes dille que me gustou moito o libro, mais si o reedita ten que recoller ben, correxir o que se refire á miña vida. Porque o curioso é que tomou notas que logo non interpretou ben.
Recibide garimosas apertas nosas pra vos os tres.

Seoane.