Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

Buenos Aires, 12 de Marzo de 1974

A Xesús Campos
A Cruña

Querido amigo:

Recibín a sua do 2/2 coas noticias da Galería que abriron, “Mestre Mateo”. Agradézollas moito e dispóñome a colaborar con vostedes no que poida. Parecéume moi ben que a teñan inaugurado con Laxeiro, un dos pintores mais inquedos da Galicia de hoxe a pesares da edade, e menos comprendido de algúns, os que mercaban e gostaban soio dos seus cadros mais amábeles. Tamén penso que é importante facer mostras de artistas de fora de España e do resto da penínsua. Téñense que por dacordo con algunha galería de Portugal, Oporto ou Lisboa, que ten xente moza moi boa. Penso que a mitade das esposicións teñen de sere de galegos que mostren inquedanza na sua obra. Eu, tan pronto poida, remitiréilles unha tamén de grabados, cecáis pro xulio ou agosto, refírome ó envío. Agora estou a facer un álbum pra unha editorial de álbumes de grabados de San Paulo, en Brasil, que teño de entregar en Maio, titúlase Gilles de Rais, trátase, como sabedes, do cabaleiro, sádico e criminal, que loitóu xunto a Xoana de Arco no primeiro tercio do século XV.
Pondreivos en contacto con un grupo de grabadores de eiquí que agoran viaxan expoñendo por América, pero que voltarán nos derradeiros días deste mes, “Gravas”, paréceme o grupo mozo mais importante.

Con lembranzas e saúdos de Maruja e meus pra todolos amigos comúns, pra López Vázquez, Xosé, a quén lle debo carta, con lembranzas garimosas pra Anciñas, reciba unha forte aperta de:

[Seoane]

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    12/03/1974
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Xesús “Chichi” Campos
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    A Coruña
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: