Fundación Luís Seoane

----

Buenos Aires, 6 de Marzo de 1957

Sr. D. Isaac Díaz Pardo
O Castro

Querido Díaz Pardo:

Recibín fotografías e cartas, mais aínda non sei ren do que lle deixaches a Valentín Todas isas cousas son para mín muy útiles. Agora escríboche de presa. O Centro Lucense inaugurou un novo local cun pequeño teatro, sala para música, biblioteca, salón de actos, etc., fixo tamén unha pequena sala de eisposiciós que se abriu con unha eisposición de dibuxos espréndidos de Laxeiro. Agora fai falla manter esa sala con novas eisposiciós preferentemente de xente disa. E pensaron que ti e Del Riego poderíadevos encarregar de solicitar ahí os traballos que teñen que sere de momento estampas, dibuxos, grabados, pra non tere complicaciós de caixós e aduanas. Son xente seria con desexos de facer cousas pol-o arte galego. Eu pensei en eisposiciós de grabados en madeira de Maside, dibuxos i estampas de Torres, Prego de Oliver, Xohan Ledo, Lago Rivera, Labra, Villar, Lugrís, e toda a xente moza de A Cruña, Ferrol, Vigo, etc. Fan falla dez eisposiciós pra iste ano. Tamén sería interesante unha de dibuxos do escultor Mallo e de acuarelas, estampas ou o que sexa de Grandío, que está en Madride. En fin, vos veredes. Vanse presentar ben, con catálogos ben feitos e trataráse de darlle a cada unha a resonancia debida e mais de facer o posible por vender. Unha das primeiras ten que ser unha eisposición túa E necesario que as eisposiciós sexan de xente moza, non tanto pol-a edade, senón pol-a inquietude e caben na seleición todos, figurativos e abstractos, sempre que o seu lenguaxe sexa ceibe e sinceiro. Isto pode chegar a sere unha cousa formidábele e imos a competir todos xuntos cos artistas doutras terras e dista. Tamén pódese organizar algunha eisposición de grupo. Creo que eisisten na Cruña e no Ferrol. En fin, vos veredes. Imos poñer en valor o noso, e cando ti veñas xa trataremos de orgaizar unha grande eisposición coleitiva de mais alento. Fai falla que cada artista envíe 15 a 20 obras, millor 20 que 15, e si son de pequeno formato algunhas mais. As primeiras eisposiciós terán de estar eiquí a primeiros de Maio. O Centro Lucense vos escribirá confirmando ista carta.
Cando veñas queremos facer unha túa de cerámica. Bueno, ren máis. Agradézoche todol-os teus traballos, e non deixes de mandarme os que podas. Imos de ver mais adiante de pubricar pequenas monografías sobor dos artistas. Todo isto pode sere moi importante. Saúdos aos amigos, a tua dona, os pequenos, a ti, recibide a aperta de Maruxa e miña, e ti a moi forte de teu amigo:
Seoane

Contesta axiña. Gustaríame que Martínez Risco me enviase algo, e o mesmo Tudela e a xente disa.

Ficha documental [Imprimir]
  • Colección:
    Fundación Luís Seoane
  • Colección:
    Epistolario entre Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane
  • Data:
    06/03/1957
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Isaac Díaz Pardo
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    O Castro [parr. Osedo, conc. Sada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Notas:
  • Termos clave: