Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

Buenos Aires, 13 de xunio de 1957
Sr. Isaac Díaz Pardo
Castro, Sada

Querido Díaz Pardo:

Recibín as túas cartas e mais as fotos e as outras cousas que me anunciabas. Agradézoche todo moito. Aínda non chegaron nin as túas porcelanas nin os dibuxos de Torres. Díste recibín unha carta que aínda non contestei chea de modestia e mañífica. Estou seguro que os dibuxos teñen que ser eispléndidos. Hoxe escribinlle a Paco. Fai falla, dígolle na carta, que os envíos de debuxos, grabados, acuarelas ou o que sexan, veñan o mais seguido que se poida. Cada eisposición inaugúrase ao cabo de quince días e comézase con Torres no mes de Sain-Iago, e teñen de ser iste ano oito eisposiciós. Temos de facer coleicionistas galegos. E preciso, si non é imposibre, que Maside nos envíe unha mostra dos seus grabados. Son eixemplares e terá fraco eisito. Escribide ao Centro Lucense. Non che digo mais ren. Agardamos por ti. Estamos moi esperanzados.
Eu deixei o Centro Gallego porque non podía aturar mais certas cousas. Designaron Direitor da revista a Eduardo. As fotos de Betanzos son magníficas. Coma isas quixera algunhas dos capiteles románicos da Cruña e do relevo da praza das Bárbaras. Tamén, si non se esqueceu Baltar, das gárgolas do Hospital de Sant-Iago e dos capiteles do craustro da Catedral. Perdóame, para istes asuntos fíxome a boca un frade. Saúdos aos amigos. E a tua dona e ti recibide a aperta de Maruxa e miña. E ti outra mais do teu amigo:

Seoane

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Colección: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane
  • Data:
    13/06/1957
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Isaac Díaz Pardo
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    O Castro [parr. Osedo, conc. Sada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Notas:
  • Termos clave: