Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

25 de febreiro de 1979

Sr. Don Rafael Dieste
A Coruña

Benquerido Rafael:

Atopo en Sargadelos a carta de Luis, cuia copia xa sei que tes, comunicando a súa renuncia a calquera clase de sociedade que houbese tido conmigo no pasado, cousa que non pode deixar de preocuparme moi seriamente, xa que de esas sociedades vivimos 250 familias, e isto átame e non me deixa máis opción que a de traballar.
Tentoume non decir ren e deixar que o que veña chegue polo seu aire, pois quen sabe se isto terá solución e si o pretendela non será pior. Mais penso que algo debo decir polo menos aos cinco membros do Patronato que máis convivíchedes con Luis xa antes da nosa guerra (ti, Domingo, Paco, Ramón e Dónega), primeiro para suplicarvos fagades canto podades por facer superables, coñecéndoas, as razós que ten Luis para dar semellante paso.
Cara a esta superación eu ofrezco ponerme ao marxen do Patronato e de todo o relacionado co Museo, con renuncia explícita ou simplemente non voltando a meterme para nada nas cousas do Museo, firmando dende xa as cousas que vos fagades, incluido Luis, e si vos parece para evitar calquer transcendencia maliciosa pode facerse sin ningún cambio, pois que eu estou no Patronato representando a Cerámicas do Castro, e ésta pode poñer calquer outro representante, dende un dos outros compañeiros da empresa até un alleo, ou a un fillo meu, como seña máis doado. Con razón ou sin ela e só porque se atope unha solución, acepto que se me recrimine calquer cousa. Algunha solución así habría que celebrala e eu seguiría prestando dende fora toda a axuda que se me pedise.
Si unha solución así non fose posible entón habría que pedirlle a Luis que nos dise unha explicación das razós que ten para tomar tal decisión, sobre todo cando na súa carta verque cousas innecesarias que non debeu decir, pois en todo caso debeu limitarse a comunicarlle ao Patronato (ao seu Presidente e/ou Secretario, non a mín) que renunciaba a ser Patrono do Museo. No feito de comunicarlle aos Patronos que renuncia a calquera clase de sociedade que houbese tido conmigo no pasado é onde radica a innecesariedade e onde a Luis fóiselle a man, supoño que por nerviosismo, mais o certo é que calquera ten dereito a pensar que eu (e os que estarnos na responsabilidade das empresas) lle temos feito algo que administrativamente non estaría ben. E isto hai que axudarlle a que o comprenda, xa que si ben íl ten dereito a facer as interpretaciós que lle pete, aos demáis tamén nos alcanza o mesmo dereito. Así para evitar malas interpretaciós íl debería dar a súa.
Fágovos a vós cinco depositarios da miña reacción á carta de Luis para que a administredes coma millor o consideredes, comunicándollo ou non ao resto dos Patronos. O que vos fagades ben feito está.

Perdonádeme esta nova molestia. Apertas tensas

Isaac

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]