Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 4 de abril de 1970

Meu querido amigo:

Entereime polo Alonso Montero que nistes días espón en Madrí. Non dubido do seu ésito. Cómo vai o arranxo de nova casa? Nunha revista madrileña lín o plan urbanístico da Cruña, que é mui interesante. Ollei unha panorámica da cidade onde aparez o edificio onde viven, unha maravilla de lugar.
Mandeille á Fundación Penzol un informe de proieto de pesquisa sobre a prensa da coletividade galega de Bs. As. desde 1879 deica 1960. Vamos ver si o aproban. Traballei nel con dous compañeiros da Faculdade. Pode resultar un estudo interesante.
Coido que o meu traballo en Galicia vai ser sobre a violencia en Galicia, fundamentalmente as rebeliós campesinas. Polo de agora estou recollendo información e bibliografía sobre o tema doutros países. Prégolle me envie a información que Vd. teña, porque teño que evaluar si é importante o tema e si paga a pena realizalo.
Vin unha revista dirixida por Sigfrido Radaelli, non me lembro o nome, a reprodución en branco e negro do seu retrato do Che.
Da colectividade pouco lle podo dicir, continúo alonxado dela. O xoves santo morreu o Puente. A filla non deu aviso a ninguén, a súa enfermedade estivo chea de pelexas antre a filla e maila muller. Levou a morte que merecía. O Instituto Arxentino de Cultura Galega vai reeditar en long-play os discos da coral “Terra Nosa”. Editouse o libro dos Xogos Froraes, naturalmente mui malo. A revista do Centro Galego ten por direitor a un señor de apelido Barreiro que é membro da C. Direitiva.
Entereime que o Laxeiro anda por acó, coido que está arranxando unha retrospectiva.
Chegoume a circular sobre a fundación do Museu de Arte C[arlos] Maside. Alégrome muito que a empresa xa esté en marcha. Cando veña veremos que se pode facer pra continuar recollendo material.
Cándo voltan? Unha forte e cordial aperta pra Maruxa e Vd.

Ricardo

P.D. Lembranzas de Inés, Pilar e Martínez Romero.

[Manuscrito na marxe esquerda:] Recebeu o enderezo de Fernández?
Meu enderezo atual é: Santa Fe 3205- 2º, 32, Cap. Fed.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    04/04/1970
  • De:
    Ricardo Palmás
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: