Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Madrí, 14 de xaneiro de 1971

Meu querido Seoane:

O luns cheguei de Paris, onde apesares do frío que pasei camiñei muitísimo e vin muita cousa. Unha esposición de Picasso, os coros do Exército Soviético, a revista Hair e algunhas películas na Cinemateca do Palacio Chaillot. Naturalmente fun ao Louvre e máis o Museu dos impresionistas. Pero deixei a cidade coa impresión de que non vira nada. Madrí non me acaba de encher o ollo, non sei... verei se co pasar dos días mudo de opinión. Cine e teatro nada. Niste fin de semana irei ver Romance de Lobos, e entón voltarei a lle escribir contándolle a miña impresión. De todolos xeitos os comentarios que teño da xente coa que estiven non son mui favorables.
Hai unha hora estiven na casa do Marcial Suárez. El e maila sua muller recibíronme mui ben, son mui simpáticos. Falamos muito da situación actual, do traballo que está facendo e quedei en voltar novamente pra seguila a conversa.
En Paris merquei un grabado do século pasado co sartego de F. Pérez de Andrade n-A Cruña. Ten un engado especial... De libros, nen falar, na miña vida vin tanta libreiría xunta, o mesmo que discos. Por desgracia esquecín de mercar o derradeiro disco de Paco Ibáñez no Olympia, que en España non se vende.
Hoxe díxome o Lugrís que a Serrat prohibironlle actuar nos recitales que tiña programados e que ademáis non o deixan sair fora. En París soupen pola radio que a Miró retiraránlle o pasaporte por aquí ninguén sabe nada diso.
Mañán irei ver ao Patiño.

Unha forte aperta pra Vd. e Maruxa.

Ricardo

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    14/01/1971
  • De:
    Ricardo Palmás
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Madrid
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Termos clave: