Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Londres, 21.9.78

Benquerido Seoane:

Hoxe chegaron os livros, a carta e tres diapositivas. Gracias, pasareille todo ao John Purkis. Posíbelmente vaia eu a Cambridge neste sabado. Hai uns días envieille a el un artigo que sobre vostede saíu na Opinión. Xa sei da exposición en Bonino, pois pasou por alí un amigo, quen ouvíuno falar sobre os celtas. Foi un día que vostede estaba con Rafael Forner.
Acabo de rematar para a BBC un artigo sobre a emigración. Custoume ben artellalo pois tiven que comprimir toda a historia dela en 4 folios. Usei testemuños de viaxeiros ingleses en Galicia, textos dos cancioneiros populares e de Rosalía e Vd. Levará ilustracións –teño que suxerilas eu– e pensei en tres, como representativas de distintas visións do feito. Unha de Castelao, unha súa –o debuxo da candidatura democrática– e un curioso grabado do Illustrated London News do século pasado. Este último totalmente descoñecido en Galicia e que atopou o Pérez Barreiro remexendo nunha librería de vello londinense.
Supoño que nestes días recibirá Vd. carta da BBC pedíndolle os correspondentes direitos.
O artigo publicarase como complemento do noso curso de castelán que fixo a BBC, que remata cunha serie de 5 programas –chamados: realidades españolas– un dos cales está adicado a Galicia. Nestes momentos o equipo está filmando no país. O realizador da serie ficóu abraiado cando foi a Galicia –hai uns meses– e soupo do volume de xente que marcha para fora. Os nativos ben gracias, baixo a presidencia do CE Ferreiro.
Cando teña exemplares do livriño, mandareille ún.
Alégrome do seu novo livro de grabados. Imaxino que quedaran moi ben.
Nestes días mandareille o catálogo da exposición de pintura portuguesa contemporánea que hai na “Royal Gallery”. É unha maravilla.

Apertas e lembranzas para Vd. e Maruxa.

Ricardo Palmás

PS: Aproximadamente cándo foi a sua exposición en Londres? Refírome ao mes, para atopar no British os comentarios.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    21/09/1978
  • De:
    Ricardo Palmás
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Londres
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita co membrete:] Agencia Efe, S.A. / U.K. CORRESPONDENT / 8, BOUVERIE STREET . FLEET STREET . LONDON E.C.4 . PHONE (01) 353 3605 – TELEX 259389 [marxe superior] // EFE, SPANISH NEWS AGENCY – WORLD SERVICE / HEAD OFFICE: C/ AYALA, 5. MADRID-1 (SPAIN) / TELEX: 27411 [marxe inferior]
  • Termos clave: