Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Paz Andrade a Seoane. 1959

05/12/1959
Isaac Díaz PardoValentín Paz-AndradeLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en


5, dec. 59

Sr. D. LUIS SEOANE
BUENOS AIRES

Querido Luis:

Aproveito un anaco da miña nova pasaxe pol-o ar do Brasil, pra cancelar unha divida postal que teño contigo. Veño-a sentindo desde que recibín o teu novo libro de dibuxos, Figurando recuerdos, que Pilar i-eu agradecemos cordialmente. Pol-o intrés da obra e pol-a adicatoria, amostras de quente agarimo, as que ven quixeramos corresponder algun dia próusimo, con Maruxa e contigo, na Terra.
Galicia Emigrante deixa un exempro pol-o d-agora unico n-este tempo, dentro das pubricacións galegas. Merecía, pois, que as portadas, elemento fundamental da obra, cobraran a vida autónoma que conquiren no libro. Lin o proemio, craro é, e fun avalado por algunha pinga de acedume que a bela prosa deita. Tes moita razón, e ainda con concencia da adversidade perdurante, coido que o marxe de tolerancia non se esgota. E con marxe ou sin él, séi ben como é de inxusta a Galiza d-arestora, co esforzo e valimento, moral e intelectual, dos seus fillos físicamente arredados.
Teño cavilado moito n-esta magoadora falla. Penso no noso deber xeneracioal, e dóime a pouca quentura que se atopa, en canto a fundar n-unha solidaridade desintresada e operante, un pensamento común axustado ao noso tempo. A intensidade do meu traballo profesioal –que é tamén socialmente necesario erguer ao máximo–, non me ten permitido facer senon unha parte moi pequena do que quixera tentar. Cecais agora, n-este orde, e xa por curtos anos, poida desenrolar unha tarefa mais sostida e profunda. Masi sô pra deixar algo na sementeira, como ti fas con valerosa entrega.
Teño moitos motivos pra confiar na vitalidade do sangue galego, como forza a movilizar a prol de Galiza. Mais e preciso chamal-o con un novo linguaxe d-ideias. A miña penetración nos medios aparentemente alleos ao galeguismo esencial, lévame a descubrir fontes ainda cegas, que puderan manar arréu. Pouco ou nada se fai por poñelas a producir. De todol-os xeitos, temos que seguir facendo o que cada un poida.
Vou a ficar en Sao Paulo e Campo Grande (Mato Grosso), por un asunto profesional 8 ou 10 dias. Xa que Isaac retorna sobre o 20 moito me compracería coincidir. Eu iréi de Lisboa a Vigo, por tren, e non por Madride. Penso falar algo alí co-a Fundación Gulbelkian, pra tentar que axude a cultura galega. Ademais, d-alí parte un asunto de grande intrés pra economia galega, no terreo das realizacións practicas, no que veño traballando dende outubro, e teño fé en que se consiga.
Si en Campo Grande resolvera o asunto en poucos dias, cecais iría algúns a Buenos Aires. Coido pouco probable que poida facel-o.

Cordiaes apertas de

Valentín

Meu enderezo provisional en São Paulo: Dr. Vidal Reis, Barão de Itapetininga, 120.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    05/12/1959
  • De:
    Valentín Paz-Andrade
  • Para:
    Luís Seoane
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita co membrete de Panair na marxe esquerda e inferior:] A BORDO DE UM “BANDEIRANTE” DA PANAIR DO BRASIL
  • Termos clave: