Fundación Luís Seoane

----


Vigo 20/12/64

Sr. don LUIS SEOANE LÓPEZ
Montevideo 1985, p. 13, dpto. 68
BUENOS AIRES

Querido Luís:

Aínda que non tuven vagar para poñerche unhas liñas quero agora informarte que o asunto da importación dos cadros vai por bon camiño. Conto ter n-estes dias a licencia. Preparéi a documentación a través da Delegación Regional do Ministerio de Comercio en Vigo, mais ten de resolver Madrid. Debe facel-o axiña, e mandaréi a licencia a Monfort, o axente de Barcelona, pra que faga o despacho. Non se pagan dereitos arancelarios. A tasa que cobran pol-a licencia xa foi eiquí pagada. De calquera xeito, se o Axente pasa algunha conta abonareilla.
Seguimos traballando na orgaización do Banco. Vai bastante adiantada. Un grupo de emigrados no Mexico cubre unha parte importante do capital accións [sic]. Temos outras aportacións fortes, e moitas mais modestas. Eu quixera levar ao Consello elementos de forte formación galega, a ser posibele cheos de esprito novo, pra asegurar ben a solidaridade futura d-acción a desenvolver c-o pensamento que ven presidindo a fundación. Penso que, chegado o intre de por en marcha a Institución, teremos que asociar a algún artista.
Por certo que o novo Alcalde de Vigo –Rafael J. Portanet–, disponse a convertir a Castrelos no Museo de Pintura Galega Moderna. Dínlle a ideia, e até lle fixen un esquema. Teño certa espranza de que leve adiante a ideia, e si o fai teremos que o axudar, esquecendo outras irrevocables reservas. Ainda sabendome nada afin, escoitame moito, e penso que ten condicións executivas.
Teño novas recentes de Isaac. Visitóume n-estes dias un empregado que volta de Magdalena. Hei de lle escribir axiña. Onde visitéi no Faro a Landeira, que veu do Brasil, nomeado Redactor-Xefe. Cerezales voltóu a Madrid, onde a transformar o Alcazar.

Pra Maruxa e pra tí nosos mellores votos no Nadal e Ano Novo, que conmigo fan Pilar e Alfonso, co-a mais forte aperta do sempre teu incondicional,

Valentín

Ficha documental [Imprimir]
  • Colección:
    Fundación Luís Seoane
  • Data: 20/12/1964
  • De:
    Valentín Paz Andrade
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Nova York
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:] V. Paz-Andrade / Abogado / Policarpo Sanz, 22. Tel. 1562 / Vigo
  • Termos clave: