Fundación Luís Seoane

----

Buenos Aires, 14 de setembro de 1970

Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo

Meu querido Valentín:

Acabamos de recibir noticias de Isaac referidas a túa saúde. Supoñemos estarás xa en Vigo e terás superado o[u] estarás superando a doenza, eisí paresce entender na leitura da carta que nos puxo Isaac e eisí o desexamos nós de todo corazón pois si algunha persoa queremos de verdade en Galicia e a tó, a tí e Pilar se entende, sodes algunhas das poucas, enmáis da fonda demiración que temos por tí, pola tua inquedanza, polo traballo que levas feito encol de Galicia, pola tua lealtade nunha terra onde, en xeral ó meu xuicio, os exemplos de lealtade viven fora dela. Debíache carta dende que chegamos. Estiven traballando moito. Teño feito casi todolos cadros pra unha eisposición que faréi en outubro e fun deixando o escribir dun día pra outro. A Tamames remitinlle con tempo o proieito de mural, xa o verías, un paralelípedo xigantesco representando a conquista e a independencia de América en cada unha das caras importantes, nas mais pequenas unhas estrofas do poema de Ercilla e outras da “Oda a Roos[e]velt” de Rubén Darío. Sería un monumento sinxelo e de verdade, penso, hispanoamericán. Supoño que tí xa o conoces ou falaríanche del. Eiquí, aparte de pintar e recoller mais notas pra dous ou tres pequenos libros que penso facer, Maside, grabador e dibuxante, O pensamento político de Valle Inclán, e Bagaría, aparte desto como che digo, saldrá cecáis dentro de dez días Cuco-Rei, catro ou seis páxinas en papel de coor con pequenas notas encol de cuestiós galegas. Notas moi breves, polo pouco espacio, entre as cales vai unha sobor o teu derradeiro libro, La marginación de Galicia. Cuco-Rei distribúiese gratis. Vaime costar cartos con gosto. Saldrá soio de vez en cando. No primeiro número sae un estupendo e longo poema de Varela. Da coleitividade non teño nada que decirche. Estou arredado dela. Os aitos do Día de Galicia salvounos Basilio Losada. Naya unha calamidade. Por outra parte é tonto traguer a eispoñer á Biblioteca Nacional deiquí 50 libros do século XVII e XVIII que non siñifican nada dende o ponto de vista bibliográfico. En Galicia, por desgracia, non naceron nin traballaron Bodoni, Garamond ou Ibarra. Mais Valentín Fernández non sabe nada de esto e Naya coidou que Buenos Aires era unha aldea. Sospeito que terase ademirado de que na Biblioteca Nacional onde se expuxeron os libros que trouxo garda algunhas páxinas da primeira Biblia impresa por Gutenberg, aparte de ter unha das máis notábeles coleiciós do continente en incu[n]ables e libros do século XVI e ó marxe das coleiciós particulares. Son o tipo de parvadas que se lles ocurre a quenes descubren américas ou sabendo que en Galicia tamén hai xoias bibiográficas, ou pensando que esta cidade, que é a cuarta do mundo oucidental en movimento cultural, vai a sorprenderse do que ten Galicia nese orde.
Bueno, non quero darche mais a lata. Quixéramos Maruja i eu que esta carta te atope na casa, en Samil ou en Vigo. Lembrámonos sempre de vos, de Pilar e de tí, de Alfonso. Lembrámosnos da adicatoria que puxeches ó libro, alumeado coa fría lus de neón nesas mesas espantosas de plástico da cafetería Zahara reformada, sen apenas xente e baixo a vixilancia amábel dun empregado do Gran Vía. Nós viñámonos a Buenos Aires dous días despóis, non sabemos ben si con gosto ou tristeza, e lembrámosnos da comida en casa de Álvaro Gil o mesmo día da partida.

Unha aperta a todos, a Pilar, á nai de Pilar, a Alfonso, de Maruja e miña. E outra forte pra tí co grande desexo de que te repoñas pronto:

[Seoane]

Nota: Enviareiche tan pronto como saia Cuco-Rei.

Ficha documental [Imprimir]