Fundación Luís Seoane

----


Vigo, 17/Nadal/70

Sr. don LUIS SEOANE LÓPEZ
Montevideo 1985, p. 3º dp. 68
BUENOS AIRES

Queridos Luis e Maruxa:

Xa que non teremos a dita de vos ter na Terra agora que ven o Nadal, queremos que ao menos teñades algunha nova de nós. Non poden ser tod-o boas que quixeramos, máis cada un ten de aturar a su[a] sorte.
A convalecencia do cabezaleiro vai pouco a pouco. Ainda non se foron todal-as presas do corazón desafinado. Como vedes esta é unha gaita ben mala de temprar. Penso que o resgate do ritmo sen anormalidade algunha ainda se demorará algunhas semans, e xa me daría por contente.
A nai de Pilar sufréu, aos poucos dias de vir pra Samil, onde estamos ainda, unha hemiplexia. Xa vos decatades do que un tal doencia supon, maiormente par-a filla, que leva unha tempada tan dura como valeirosa. Maiormente porque tal como as cousas viñeron pouco os demais podemos axudal-a.
Veu as nosas maos Cuco-Rei, cheo de contido e sabor. Imos afeitos a tanta insipidez que as follas da tua xoaniña –así lle chamabamos de nenos en Pontevedra– enchéunos de ledicia e gozo. Demos a ler noso exemprar a alguns amigos, vibradoiros na mesma corda. Teño que agradecer moito o teu comentario sobre La marginación de Galicia, no que o libro acada unha interpretación [c]erteira, si ben sexa por demais xenerosa. O poema de Lorenzo Varela é maxistral, ademais de inspirado e valente. En xeneral todo o contido do numaro, traslucente a tua mao, é merecente do noso reconocimento. Quero decir, dos que ainda querendo non poderiamos escribir o que canta Cuco-Rei.
Isaac e Mimina estuveron recentemente duas veces na nosa casa. Mimina con certa preocupación pol-o seu ril, na dubida de se deixar extirpalo ou non. Onte inauguróuse a túa exposición en Vigo, na nova Sala. Ainda non pudemos visital-a. Pilar porque leva mais d-un mes sen apartarse da doente. Eu pol-o d-agora non debo subir escadas, e tratase d-un segundo piso. Cecais denantes de que se cerre podamos chegarnos aló.

Nosos mellores votos de venturanza pra vos no Nadal e Aninovo, co-as mais cordiaes apertas de

Mª Pilar
Valentín


[Manuscrito:] Apertas

Alfonso

Ficha documental [Imprimir]
  • Colección:
    Fundación Luís Seoane
  • Data: 17/12/1970
  • De:
    Valentín Paz Andrade
  • Para:
    Maruxa Seoane
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Nova York
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firmas autógrafas e co membrete:] V. Paz-Andrade / Abogado / Policarpo Sanz, 22. / Tel. 1562 / Vigo
  • Termos clave: