Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Neira Vilas a Seoane. 1960

22/03/1960
Diego Díaz DoradoAnisia MirandaXosé Neira VilasLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en

Buenos Aires, 22 de marzo do 1960

Sr.
Luis Seoane
Suiza?

Querido amigo:

Anque cun pouco de tardanza, veño acusar recibo da súa moi atenta e do dibuxo pro libro de Anisia. É precioso. Siñificativo. Acorde co tema. E a combinación de cores queda de primeira. Amais de no-los dous, tivo ocasión de ponderalo o inxenieiro Díaz, quen colaborou conmigo encarregando o clise en Caparrós. Agradecémoslle infindamente a súa atención.
Á impresión do livro de Ani asociouse un problema –si queremos chamarlle así–: a posibilidade de que un manuxo de poemas meus agrupados baixo o rótulo de Dende lonxe.

(... vou a ti dende lonxe.
Rubo a ti por unha escada de verbas coruscantes.
Casa pasada un hino,
cada chanzo un latexo.
Levo nunha estrela
o mensaxe dos teus fillos desterrados
que che son fideles
máis alá dos reloxes e do mar.)
(fragmento)

poida imprentarse a seguido do dela. Desa maneira, sáenme os dous máis baratos. Levo falado co inxenieiro Díaz desta imprenta e quedamos en non perdela de vista pra cando veña vostede, pois resulta máis económica que Rivera. E, se se trata dun plan editorial e non dun soio libro, máis económica aínda, naturalmente.
Eu teño outro livro (breve tamén) de poemas, en concurso, co mentes de incruílo na coleición a herba de namorar, pero deso xa falaremos tamén. Un máis, de contos, estouno preparando.
Pero voltando a Dende lonxe, veño a pedirlle unha ilustración, do caráiter do do de Anisia, quero decir, pra igoales dimensións, formato de livro, etc. Quizais vostede lle desagrade ista segunda molestia, pois maxino súa intensa actividade e traqueteo, mais prégolle encarecidamente que, si non é un imposíbel, mo mande. E unha impertinencia complementaria: o máis antes que poida. Con toda a franqueza que vostede me coñece, dígolle que me dá non sei que chegarlle co isto, pero no plan que estou de editar axiña iste tomiño, non me queda outro remedio, xa que non quero outra ilustración que non sexa a súa.
Celebramos que o pasen ben, e que ista xira consagre definitiva e rotundamente –feito que arelamos e descontamos– o seu arte na Europa.
Por hoxe namais. Agardo con inquedanza as súas noticias. Cordiales saúdos meus e de Anisia pra señora Maruxa.

Un abrazo do seu amigo

José Neira Vilas
Asunción 3035
Buenos Aires

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    22/03/1960
  • De:
    Xosé Neira Vilas
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:] José Neira Vilas.
  • Termos clave: