Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Neira Vilas a Seoane. 1960

24/04/1960
Leónidas BarlettaAnisia MirandaXosé Neira VilasLuís SeoaneMaruxa SeoaneUrbano Tavares Rodrigues
Compartir en

Buenos Aires, 24 de avril do 1960

Sr. D.
Luis Seoane
Madrid

Querido amigo:

Recibín antonte a súa moi grata, datada en Venecia. E co-ela o dibuxo prá tapa do meu livro. É magnífico! Axeitadísimo! E nises cores –azul e laranxa– vai quedar precioso. Mañán entrégame a proba o grabador. Francamente, non sei como xuntei audacia para irlle co-ista nova canga... Pero xunteina, e vostede, xeneroso e traballador, atendeu coa habitual xentileza a miña teima. Estoulle outamente agradescido.
Logo da primeira carta, da que vostede mencioa, escribinlle outra (tamén a Basilea, naturalmente), porque aquela, despois de pórlle franqueo de certificada, guindeina distraído no buzón. Si é que lle chega, pois, non faga caso dela. Ten data 13 de avril.
Eiquí lembrámolos arreo. Inda hoxe, Anisia e mais eu, logo de escoitar Galicia emigrante parolamos sobor das utilísimas e inéditas ouservacións súas por Europa en relación con Galicia (o museo de Basilea, o de Lisboa, algunhas fachadas de Suíza, o livro de Tavares Rodrigues –que eu non coñezo–, etc.) Ogallá vostede se decida cando volte a escribir e pubricar un libro que recolla todas isas agudas esperencias.
Chegouse a Peña cultural gallega Rosalía Castro, en Rosario. Asistín á súa fundación e pronunciei unha confrenza sobor A cultura galega na hora aitual. Son cuase todos arxentinos de orixen galego. Están ben ourentados. Teñen un periódico mensual (Aquí Galicia) do que vai saír xa o 2º número.
Onte estivemos Anisia, eu e o e embaixador de Cuba no Teatro del Pueblo. Falando de vostede con Barletta, da súa obra diversa, díxome que non perdía o mentes de poder levar a escea La soldadera. Quedei en levarlle mañán El irlandés...
E por hoxe, non lle dou máis lata.

Nosas garimosas lembranzas prá señora Maruxa e vostede reciba unha forte aperta do seu invariábel amigo:

José Neira Vilas

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    24/04/1960
  • De:
    Xosé Neira Vilas
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Madrid
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e co membrete:] José Neira Vilas.
  • Termos clave: