Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 13 de xulio de 1976

Sr. Xosé Neira Vilas
La Habana

Queridos Neira Vilas e Anisia:

Recibimos a carta do 24/VI que nos encheu de ledicia. Fai tantos anos que non sabemos uns dos outros, que constituíu unha sorpresa. Cecais non fai moitos anos que tivésemos querido ternos comunicado máis a miúdo aínda tendo sempre algunhas noticias vosas a traveso de Isaac. A nosa vida é a de sempre, nos derradeiros meses máis pechados na casa. Viñemos en decembro de Galicia onde estivemos un ano deducindo mes e meio en Madride onde fixen unha exposición e uns días en Barcelona. Desta estancia, teríamos moito que falar, en xeral, da nosa esperencia galega dende o primeiro viaxe que foi no sesenta. Eu fixen algunhas cousas, non moitas, exposicións, libros, o Museo Carlos Maside, e falar con xente, falar con quenes me sinto máis a gusto é coas xentes da miña xeneración por razóns naturale, e cos que estiveron en América, Blanco Amor, Laxeiro, etc. América doulle aos galegos un senso de universalidade que os máis mozos téñeno, cecais, pro de outro xeito, e desviounos da tendencia aos problemas miúdos que alí se conservan, a tendencia á división minúscula. A min quérenme, en xeral, todos. Mais comprendo o ir e vir á Habana de Curros. A saudade de Cuba de Antón Vilar Ponte e Lugrís Freire, dos que eu fun amigo, a de agora de Blanco Amor e do Laxeiro, de Buenos Aires, aínda que xa non matinen tornar. Aquí renegamos cada vegada que voltamos, mais a nós parécenos que aínda os máis loitadores dos nosos millores homes tenden alí ao Nirvana. Ou matinan que teñen todo o tempo do mundo pra facer cousas. Non embargantes, morremos por Galicia e por trocala no paradiso que soñamos durante tantos anos.
Nós voltaremos en xaneiro logo de cumplir algús compromisos en Buenos Aires. Teño novas esposicións en Madrid e Barcelona. Non pensen que somos pesimistas en canto a Galicia. Todo o contrario. Hai unha mocedade preocupada e extraordinaria en moitos aspectos, renascen, así se pode afirmar, o idioma, búscanse os libros galegos e afirman en actos a súa existencia. Eu estou con eles. A saudade nosa ten que ver coa esperencia e loitas propias e coas lembranzas máis que nada posiblemente de unha edade. Eu traballo como sempre no que podo e vostedes veñen facendo unha laboura que envexamos.

Esto é todo hoxe. Unha grande aperta, verdadeiramente grande de:

[Seoane]

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    13/07/1976
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Jesús Neira Vilas
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    A Habana
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Termos clave: