Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1971

04/03/1971
Alberto CerdeiraManuel FragaXosé Luís Méndez FerrínFernando Pereira CaamañoLuís Seoane
Compartir en


Buenos Aires, 4 de marzo de 1971

Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo

Querido amigo:

Remítolle a miña carta de agradecemento ó Presidente do Patronato D. Abelardo Cerdeira e á Xunta Direitiva, e adxúntolle a carta que fixen pública con unha resposta ós que fan A Nosa Terra.
Todo esto é moi triste. Matino que, coa laboura feita por min, boa, regular, ou mala, mais sempre adicada a eisaltar a Galicia, merezo un ataque maior, polo menos en canto a espacio nese periódico, que Fraga Iribarne, ou os moitos que se comportaron coma nemigos da terra dende fai moitos anos. Mais deixemos esto. De Méndez Ferrín sei que está facendo xestiós pra poñelo en libertade. Eu fixen no mes de decembro unha mostra de óleos e grabados na Galería que inaugurou a súa dona en Vigo. Farei nos transcurso deste mes os dibuxos e a tapa pró libro que vostedes van a editar. A min parésceme moi bon e con moito gusto colaborarei na súa edición. Eu marcharei na primeira quincena de abril pra Europa. O día 6, aínda non está confirmada a data, faise no Museo de Arte Moderno deiquí unha grande mostra retrospeitiva de douscentos grabados meus.
Neste intre recibo outra súa. 1) Non estarei en Buenos Aires en xulio, posibelmente estarei en Galicia. 2) Teño feita a miña resposta agradescendo a carta do Patronato. 3) Mais arriba escríbolle que farei os dibuxos neste mes, percisamente porque marcho. Penso que teñen de editarse.
Si podo serlles útil en Galicia, sereino con moito gusto.

Saúdos a tódolos amigos desa e ós meus, e reciba unha forte aperta:

[Seoane]

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    04/03/1971
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Fernando Pereira Caamaño
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Montevideo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con correccións manuscritas]
  • Termos clave: