Escritor, historiador, intelectual, e referente do nacionalismo galego, o seu nome completo era Manuel Antonio Martínez Murguía. De formación autodidacta, durante a súa estada en Madrid entra en contacto cos círculos artísticos e intelectuais liberais, e comeza un intenso labor como escritor. Cando Rosalía de Castro chega a esa cidade en 1856, desenvolvía unha intensa actividade xornalística, en cabeceiras como El Museo Universal ou La Iberia. Nesta última publica unha nota crítica favorábel a La flor, o primeiro libro de Rosalía, a quen probablemente coñecera en El Liceo de la Juventud de Santiago. Casan en 1858 e ao ano seguinte nace a primeira dos sete fillos, Alejandra. Había entre eles unha grande complicidade intelectual, sobre todo nos primeiros anos. Murguía interveu de maneira activa no proceso de edición das obras de Rosalía, mediando cos impresores Juan Compañel e Manuel Soto Freire, con directores de publicacións interesados en colaboracións literarias de Rosalía ou, en ocasións, favorecendo a recepción crítica da súa obra na prensa da época. O matrimonio viviu separado en varias épocas da súa vida, cando el estaba en Madrid ou Simancas por motivos de traballo, e, ao final da vida da escritora, cando ela vivía en Padrón, el facíao en Santiago. Á morte da autora, Murguía é primeiro responsable da mitificación da figura de Rosalía e editor da súa obra.
Fonte
Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2012). Murguía. Vigo: Galaxia.