Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

Orense, 26 dos Santos, 47
Sr. D. Luis Seoane.


Meu querido e lembrado:
Rubín por a cidá vella, considerei adispaciño e figuróuseme nova a casa de Cornide e súa conversa de dona feituquiza e rococó ca misia Santa María cada vez máis románica, máis mariñeira e galega. Hai obras que co tempo milloran e peneiradas de circunstancias fánse de millor trigo. As veces, sofren e fán sofrir por demais de sinceiridade i-expresión. Agora están erguendo grandes “bloques” e vaise equilibrando na curva a anomalía na gravedade producida por a casa Pastor. Estiven maxinando o desacreditado e fermoso poema estilo Hugo Fóscolo do Peñon das Ánimas, moimento funerario dos prerrománticos e seguín o parpadexo do sol nas cristaleiras da Mariña e seu asombro ó topar unha falla no teclado dos dedos da lus. Soio foi un viaxen de cumpridor. Penso no cerne do inverno voltar a Compostela, a Corme e Laxe, e a Coruña. A tal lumioso e falangueiro o outono que chega deica hoxe que non hai vagar pra escribir cousa algunha. Os moitos proieutos que fixen no barco debéronse deixar engaiolar por as sirenas.

Lembranzas nosas pra todos os amigos: Colmeiro , Dieste , Baltar , Cuadrado . Tiven carta de Otero . Moito pensamos, miña dona e mais eu, en Vdes. e n’aquil xantar. Doéndonos moito de non nos ter despedido da súa dona polos mil trafegos dos derradeiros días. En verdade, foron poucos, sobre todo pra xentes afeitas ó ritmo do vivir aldeán e de pronto botadas a outro. Escríbolle no meirande silencio, docemente alagada a ialma nas doces cromáticas da carballeira onde estiven por a tarde, inda me envolven â luz do quinqué. N’ista casa vivimos no dezanove. Moita compaña me fán os seus dibuxos. Sinto n’eles cousas deica iles case inéditas de Galiza. Tiven un sobresalto. Un dos bultos –onde viñan as millores cousas: libros, Vde., Colmeiro– foi parar a Génova. Voltóu sin perdas. Como lle dixen na outra, meu viaxe espertou na Galiza moito interés e ao tempo en outros un sentimento de estraneza. Queren formar unha biblioteca galega, de varias series hai por o visto xente de moitos cartos no asunto. Eu penso na xentil empresa de Vdes. Non sei escribir n’iste papel que protesta. Tén présa e engúrrase. Ademais con Vde. hai que ter conversación. Saúdos de entramos pra súa esposa, da miña pra Vde., e unha rexa aperta de seu amigo moi agradecido de sempre.

R. Otero Pedrayo

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    26/11/1947
  • De:
    Ramón Otero Pedrayo
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Ourense
  • Destino:
    Nova York
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: