Fondo Fundación Luís Seoane

----

de Ramón Otero Pedrayo, a Luís Seoane

19/04/1954
Cuadrado, ArturoFeijoo, Benito JerónimoGarcía Sabell, DomingoOtero Pedrayo, RamónSeoane, LuísVarela, Lorenzo
Compartir en

Ourense, 19-IV-1954

Meu querido e ademirado amigo:

Tiña fai tempo mentes de escribirlle. Sempre penso en Vde. Na súa xenerosa e moceira conceición do mundo, no seu infindo amor por os homes e isa vivencia de Galiza que nos fai a todos nenos e devolve as cousas a un tempo mais mollado de oríxenes, nunha especie diría eu –de Ur— románico si non tivera medo das cristaizaciós profesorales, pensando en obra de un decorrer de fonte, regueiro e río de formas. Cas facianas saídas do sono, ou apenas afastadas do barro, e os ollares aínda calados sin literatura e sin costume, maravillados do que enxergan, dándose enteiros á luz. Cecais ledos de se afastaren do que levan drento. Sin pensar nelo, é Vde. un comentarista do Génesis. Os homes, anque non queiramos, somos sempre discípulos de un libro da Biblia. E hainos do Cantar dos Cantares, do libro de Job, dos Macabeos os violentos e guerreiros… Vde. –como o Padre Feixó , pero íste o dí– é dos de Primeiro Libro, o máis perto do alento de Deus. Non podemos esquencernos, miña dona e eu, as horas ben poucas e fondas decorridas con Vdes. Cando chegou de volta o matrimonio García Sabell –unha parexa que por a amizade reconcilia a un co vivir, xenerosa e fortalecedora reconcilia a un co viño– falamos moito de Vde. e volvín a alentare naquilas horas xa lonxanas. Eu, meu querido amigo, traballo moito, non sei si ben. Como vello, preciso da parola e do paseo. Asín mil cousas maxinadas se non poden enteirar. Tamén a semán soio conta con cinco días para min, pois co viaxe dispacioso Trasalba –nestora groria dos xestales brancos en frol– dous vanse en cansanzo e fouterías. Teño o encarrego do discurso de overtura da Universidade compostelán para o 1º de outono de iste ano. Vouno facer sobre a Galicia emigrada. É Ano Santo. Quixera facer algo bon. Pídolle soio unha axuda de moita valencia: unha nota curta de artistas galegos da emigración e outra do “clima” no arte. Perdoe. Será pra Vde. un minuto. Estou tolo de alegría cas Tapas. Quedo agradecido como si miña nenez viñera agora de novo con un saber de velleza redemida de pesadumes por as portas de esta casa onde nacín. Unha aperta a Varela . O poema é faiscante chafarís, plumas de galo con chapeo, ría en noite de pirotecnia e folión de delfíns e sereas. E das Tapas dígoche como tras de cada unha maxino o libro e gosto de miralo camiñando por o mundo, valente, ou escondéndose como o home que non quer ser coñecido no telderete do pulpeiro. Dende eiquí mándolle outra longa aperta, querido Seoane. Estou un pouco canso e inda teño de escribir un conto. Mañán, chegando a Sant-Iago –haberá á noite un luar suicida que se escacha a testa nas lousas da Quintán e as monxas piden a berros que lles creben as reixas pra saír a componelo– lembrareime de Vde. Hai un luar con dorna que val o principado de Sálvora e outros milleiros de cousas. E asín ten de seguire noso amigo. Falarei mañán con Sabell. Beberemos un branco ullán a saude da súa dona e a súa.

Estou triste porque deixei na aldea a miña nai de 95. Súas Tapas me consoaron.

Sempre o vello amigo e ademiradore

Otero Pedrayo

Apertas a Cuadrado, amigo moi querido, certos lusco-fusco dos Concheiros están cheos sempre de íl.

Adeus!

O teu navegador non soporta PDFs. Por favor descarga o PDF para poder velo: Descargar PDF.

Ficha documental:
  • Colección:
    Fondo Fundación Luís Seoane
  • Data: 19/04/1954
  • De:
    Ramón Otero Pedrayo
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Ourense, Ourense, Ourense
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Temáticas:
  • Mencionados:
    Arturo Cuadrado
    Benito Jerónimo Feijoo
    Domingo García Sabell
    Lorenzo Varela

Warning: mysql_free_result(): supplied argument is not a valid MySQL result resource in /var/www/html/consello/html/www/fondos_documentais/epistolarios/epistola.php on line 567

Warning: Unknown: 1 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0