Carta de Paz Andrade a Delgado Gurriarán. 1955
15/05/1955[Bogotá] 15 mayo 1955
Sr. Don Florencio Delgado Gurriarán
Camarena, 160. Dpto. 4º
Guadalajara, Jalisco
Querido Florencio:
Fai hoxe tres meses que estóu en Colombia, asesorando como experto das Nacións Unidas, un pran de desenrolo pesqueiro. Non sei si no viaxe de retorno a Galicia, que penso emprender pol-a mesma data do mes que ven, teréi posibilidade de me deter algún día en México, como sería meu desexo.
Supóñote xa informado que, aproveitando uns días de descanso en San Miguel d’Outeiro, que pasamos antre unha e outra sahida americán, recibimos a visita d-unha de tuas irmáns, a que lle din conta dos nosos contactos en Guadalaxara, procurando no posible dar satisfacción a súa sede de novas sobre vosoutros, que era moita. Ela atópase ben, mais parez que non ocurre o mesmo con a outra irmán, si ben coido que se non trata de cousa grave.
Agardo recibir esquí algúns exemprares do poema sobre Castelao, que imprimiu o Centro Gallego de Buenos Aires, coincidindo co quinto aniversario da morte. Terei moito pracer en adicarche un, que recibirás por correio, sempre que o envío se confirme, do que non teño eiquí moita seguranza.
Non é preciso que che diga ren da miña disposición para trasmitir calquer encarrego a túa familia, aproveitando o retorno. Ainda que tentéi falar con teu irmao na Cruña, non tuven sorte en atopal-o cando alí fun. Penso que non tardará en repetirse a ocasión.
Transmite a miña mellor lembranza a Mares e Esturau, dos que conservo vivo recordo. Fai presente os meus saudos a tua dona, e con agarimos aos nenos, recibe unha cordial aperta do teu sempre bon amigo,
V. Paz-Andrade