Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982

21/10/1982
CastelaoFlorencio Delgado GurriaránValentín Paz-AndradeLuís Soto Fernández
Compartir en

Guadalajara. Jal. 21 outubro 1982





Benquerido amigo:

Hoxe deille fin á leitura do interesantísimo libro Castelao na Luz e na Sombra que tiveche a xentileza de enviarme pola simpática familia Vaqueiro.
Li-no de vagar, como compre cando un libro é bon, para millor saborealo. Deulle forza ás miñas sempre vivas lembranzas da loita galeguista; entre elas a de ter acompañado a Castelao de Monforte ao Barco, xunto con outros bos amigos valdeorreses, cando ía no exprés de Castela camiño do desterro; tamén a convivencia con el en Barcelona nos primeiros meses do 1938. Agora ando a ler de novo Sempre en Galiza (meu meirande tesouro na miña cativa biblioteca pois ten una garimosa dedicatoria do autor), libro que cos naturais axustes aos tempos de arestora, segue vixente como vixente é tamén a túa Marginación de Galicia; tamén repaso a miña colección de A Nosa Terra (1921-1930 e os nos publicados en Buenos Aires), xa que eu tamén vivo sempre en Galiza.
O teu libro é moi bon, moi ameno e moi ben documentado. E a súa publicación é moi conveniente para rescatar a Castelao dos que, coma o noso amigo Soto (q.e.p.d.) queren facelo marxista, ¡Vaiche boa!, cando el, que refugaba a colmea e o formigueiro, dixo con toda craridade no «Adro» de Sempre en Galiza: «sendo galego non debo ser máis que galeguista».
Gracias, moitas gracias polo teu libro e que sigas tendo azos para escreber moitos máis.
Sigo con ansiedade a marcha da política española e galega. Que a xeira electoral do 28 sexa de proveito para a nosa Terra e para a democracia. Xa me contarás.
Aquí segue a crise financiera; mais o país coida seguir adiante pois os recursos que ten son moitos, coma ti ben sabes. Pero esto dificulta posibeis viaxes á terra porque non deixan sacar cartos.
Fortes apertas da miña dona e miños para ti e os teus


Florencio

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]