Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1977
20/04/1977Guadalajara, 20 abril 1977
Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Policarpo Sanz, 22
Vigo
Benquerido amigo:
Soupen da boa acollida que lle diche ao meu sobriño Florencio e á súa filla Tereixa, que anda a procura dun traballo en Vigo, e douche as gracias.
Polos meus parentes e por carta que che escribín dende Madrid, supóñote enterado do infarto que tiven, naquela cidade, pouco antes da data de volta a México, e que nos obrigóu a retrasar a viaxe. Agora estou moi recuperado. O doutor que me atende fíxome a proba de Bruce por fatiga muscular e respondín moi ben a ela. Di o médico: «Todo ello garantiza un perfecto estado de la función ventricular izquierda y mejora pronóstico que será dirigido a aumentar eficiencia miocárdica». Por outra parte, o doctor que me atendéu en Madrid e máis un terceiro que me viu ao chegar a México, coincidiron na boa recuperación que tiven. Queira Deus que siga a cousa ben.
Seguín, namentras estiven en Madrid e polos xornais, o labor da comisión dos nove, na que tan ben representas a Galiza. Esquí tamén veñen moitas noticias da política española, na prensa da capital e na local, pero fai tempo que non aparece nada relacionado coas vosas xestións. Leo tamén a revista Cambio 16, edición internacional, mais tampouco comenta nada nos derradeiros números. ¿Cómo vai a cousa? ¿Qué posibilidades hai para a nosa causa? Teño moitísimas arelas de coñecer o que pasa e, abusando da nosa amistade, quixera me informaras de todo aquello que non sexa segredo, pois sei que hai cousas que non compre pubricar. Por outra parte, se podo ser útil para algo, conta conmigo.
Qué todo vaia con ben pra Galiza e a democracia «civilizada». Dádesme envexa os que vivides arastora na Terra, pois podedes facer moito por ela.
Garimosas apertas da miña dona e miñas, pra ti, Pilar e o voso fillo. ¡Que a xeira do quince de xuño sexa proveitosa!
Florencio