Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955

11/06/1955
CastelaoFlorencio Delgado GurriaránCelso Emilio FerreiroValentín Paz-AndradePaul Valéry
Compartir en

Florencio Delgado Gurriarán
Camarena, 160. Dpto. 4º
Guadalajara, Jalisco


Guadalajara, 11 de xuño de 1955


Sr. Don Valentín Paz-Andrade
Bogotá, Colombia



Benquerido amigo:

Recibín a túa do quince do derradeiro, a que chegou a casa no intre en que eu andaba de viaxe.
Xa soupen da túa entrevista coa miña irmá Rocío. Por certo que xa recibín as roupas que me remesaron polo meio que ti lles indicaches e coa intervención da túa dona a quen che prego lle transmitas o meu agradecimento. Xa sabes fico ás vosas ordes.
Coas roupas chegou un libro de poemas, que atopo moi bo, de Celso Emilio Ferreiro. Penso escreberlle.
Agardo o teu poema a Castelao. Fai como dous meses me devolveu Correos a carta que che enviei a México a primeiros do Nadal do ano pasado e na que ía o Cimiterio Mariño. Enviareicho a Vigo.
Gracias polo teu ofrecimento. Se na túa viaxe de retorno ao lar pasas polos Estados Unidos encarrégoche merques un producto farmaceutico chamado Bellacrisina (novo alcaloide da beladona) que lle recetaron á miña irmán María e que non atoparon en Hespaña nin tampouco puiden acadar eiquí. Fas o favor de enviarllo á miña familia, quen alí o pagará.
Moitas lembranzas de Mares e Esturau. Cordiales saúdos da miña dona e cativos –hoxe cinco- e unha forte aperta do teu amigo


Florencio

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]