Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1974

09/07/1974
Xesús Alonso MonteroValentín FernándezFrancisco Fernández del RiegoEvelina HervellaLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO/ABOGADO/VELÁZQUEZ MORENO, 36 1º/ Teléfonos{17463-13770/VIGO
9-xulio-1974
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:
Recibín a tua carta do día 15 de xunio derradeiro e máis o traballo pra Grial, que se publicará no prósimo número. Coido que se trata dun tema moi interesante, pois deica agora que eu seipa, ninguén se ocupóu del. A xente nova poderá ter así unha idea crara sobre da pintura mural realizada por artistas galegos. Traballos como éste son, ao meu ver, dunha grande utilidade porque revelan unha faceta da nosa cultura case desconocida polas xentes de agora.
Non sei quen pode ser o autor da nota encol de Comunicacións mesturadas que se publicóu en Informaciones. Pero millor é que non se seipa, porque evidencia que o libro causóu impacto mesmo en persoas que non están vencelladas ao noso labor, pero que saben valoralo.
Xa vexo que, como decote, sigues a traballar con entusasmo e coa proiección universal que ven caracterizando á tua obra. O feito alédame moito, como podes supoñer.
Nós estamos pasando o vran en Praia América, como todos os anos. Craro que o meu veraneo é moi limitado, pois redúcese aos sábados e aos domingos. Pero de calquer xeito supón unha fuxida do ambente agobiante do inverno. Por certo que tamén está pasando aquí o mes de agosto coa súa familia, é Alonso Montero.
Non sei si, ao cabo, fixo a Galicia o viaxe de que me falas o prohome Valentín. Eu nada soupen deica agora de que arribara a estas terras. Craro é que non ha ser a min a quen visite, como é natural.
Nada novo teño que che comunicar. As cousas siguen máis ou menos o mesmo que cando ti estiveche por aquí.
Garimosos saúdos a Maruxa, de Evely pra os dous e pra ti a cordial aperta de sempre de
Paco

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    09/07/1974
  • De:
    Francisco Fernández del Riego
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e o membrete:]
  • Termos clave: