Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 15 de Outubro de 1974
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo

Meu querido amigo:

Recibín a tua do 29/IX. Comprendo o teu cansancio, fixeche en todos estes anos moito mais por Galicia do que ten feito posibremente calesquera outro da nosa xeneración. Pasou pra ti un cuarto de século arreo, os que veñen atopan moito feito e un día terán de che facer o homaxe que mereces. Pola miña parte estou canso e enmais síntome desilusionado. Lémbrome das cartas amargas de Maside, non as reléo, non quero releélas, paréceme que perdín a miña vida.
De Valentín [Paz Andrade] non sei nada, nin siquera a qué foi a Venezuela. Recibín dél unha tarxeta de saúdos dende Caracas. Tampouco sei nada do que pasou co outro Valentín e o Presidente do C. Galego en Galicia. Supoño que os terán agasallado como representantes da emigración sen se ter enterado do que verdadeiramente son. Pasou por ahí [Emiliano]Pita en non recibíu agasallo de ninguén. Martínez Risco e Naya parece ser que son os que estabelecen os valores galegos da emigración. O homaxe a Pita, o que mais agradecemos, él e nós os que ficamos en Buenos Aires, é a edición que vos lle facedes. O seu enderezo é rúa de Hipólito Irigoyen 3560-5º piso, Nº 17. Díxenlle por teléfono que pedías o enderezo pra lle remitir o libro e emocionóuse, non podía falar, está moi envellecido. O libro é o seu homaxe á gran cidade onde viviron, traballaron e morreron millóns de galegos que axudaron a facela. Onde morrerá él mesmo e cecáis nós. E, a traveso dese libro, o noso homaxe. Agradecémoscho todos os que aquí vivimos. El chegóu de cuasi neno e toda a sua vida soñou con Galicia. Mais ¿pra qué che digo todo esto? ti o sabes e o comprendes. Quen non pode entendelo, pois pra eso ten de sentir amor e ter unha moral, é o noso novo poeta de Celanova que ahí está en Madrid meténdose en pubricacións diversas cos emigrantes, sin ter mais resposta que a de un semanario de eiquí.
Non escribo mais, tiñan de ser duas liñas co enderezo de Pita e póñome a queixarme, que é outro síntoma de desilusión. Escríbeme cando poidas. Recibide Evelina e tí a aperta amiga de Maruja e miña:
Seoane
[Escrito a man na marxe inferior dereita:] Montevideo, 1985-13º-Dto. 68

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    15/10/1974
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Francisco Fernández del Riego
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: