Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1977

22/04/1977
Álvaro CunqueiroMarino DónegaFrancisco Fernández del RiegoEvelina HervellaLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en

Vigo 22-abril 1977
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:
Recibín a túa carta do día 5 dos correntes. Dóeme moito a situación do teu estado de ánimo. Ben comprendo as razóns que te asisten pra te sentir defraudado. Pero penso de todos xeitos que non debemos renunciar á loita. Tí, pesie a todo, estás nas mellores condicións pra poder esixir, porque ninguén desconoce a xenerosidade dos teus esforzos ao servicio de Galicia, desentendéndote sempre de beneficios persoáis. Claro que hai cousas que doen, ben o comprendo. Noustante, paréceme que a inhibición túa sería unha verdadeira pena pra todos.
No tocantes á política galega xa te supoño enterado do ocurrido ultimamente. Constituíuse a Xunta cos compoñentes previstos. Porén, nela figura Marino Dónega, a proposta dos Senadores, como único extraparlamentario. Confía en poder facer algo dentro dela en orde ao galeguismo. Certamente, a Xunta non terá tempo de actuar con transferencia de facultades antes de que se aprobe a Constitución. Pero ten o significado ao meu ver de representar un reconocemento de persoalidade política de Galicia. Despóis, cando chegue o proceso autonómico, veremos si as cousas cambean como deben cambear.
Isaac pediume un traballo sobre o labor do Seminario de Estudos Galegos como empresa de cultura, e xa llo mandéi. Debéu interpretar que o que tí lle indicache referíase á política cultural do Seminario, e non ao período entre o 36 e o 76.
Eu ando amolado esta tempada cunhas dóres de columna. Seguramente teréi que someterme a tratamento durante dez días no Policlínico da Rosaleda. Tamén Cunqueiro está mal a consecuencia dunha úlcera penetrante nun pé, e como é diabético é moi probable que llo teñan que cortar.
Remata de saír do prelo o libro Galicia 2002 no que ti colaborache. Mándoche un exemplar por correo aéreo.
Por aquí as cousas siguen cheas de complicacións e de problemas. Confío, nembargante, en que as dificultades iranse superando de a pouco e en que non volveremos a ser víctimas de novas regresións na conquista da democracia.
E nada máis por hoxe. Con garimosos saúdos a Maruxa e de Evely pra os dous, mándache a cordial aperta de sempre
Paco

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    22/04/1977
  • De:
    Francisco Fernández del Riego
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Vigo
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: