Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Buenos Aires, 28 de Febreiro de 1978
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo

Querido Paco:
Vai facer dos meses que chegamos a Buenos Aires. Cheguei con unha gripe moi forte e fixen un viaxe con febre e unha tensión moi outa. Pasoume e estou traballando, hoxe remito un novo dibuxo para un tapis. Estiven con Prada no mes pasado, ten a muller enferma, mais él está moi ben a pesares da sua edade. Falóume dos orixinaes que ten dos dibuxos que Castelao fixo en Madrid e consultóume onde podía envialos, díxenlle que ao Museo de Pontevedra e que a persoa indicada pra llos remitir e os entregase eras tí. Igoalmente que che remitise os grandes dibuxos de paseados de Federico Ribas, pra o Museo de Castrelos, pois, Ribas, como sabes, foi un gran dibuxante nacido en Bueu, e matino que debe ser Vigo quen os teña.
De ahí recibín unha carta sorprendente de Isaac, manifestando que vai reconstruir o Seminario de Estudos Galegos. Respondinlle que consultase cos compoñentes que vivían, do Seminario, entre os que estabas tí. Mandeille a lista dos que me lembraba de memoria, penso que me esquecín de Taboada Roca. Non sei nada de Galicia. Denantes remitíanme La Voz de Galicia. Agora non teño nada. Non sei si se creóu a Xunta ou non, e de que xeito. Gostaríame moito me diras algunha noticia desto. A axencia EFE e as outras axencias non se refiren para nada a Galicia. Soio se publicóu unha noticia que tivese desexado non ter leído, a de Meirás. Todas as noticias sobor das Autonomías xiran encol de Catalunia e Euzkadi.
Ben. Lembrámonos moito de vos, de ti e de Ricardo. Penso que somos cuase os únecos para quenes o galeguismo constituie unha moral e non era a verba irmandade, soio unha verba.
Unha grande aperta para Evelina e pra ti. A Ricardo escríbolle aparte hoxe. Escríbeme, prégocho.
Seoane
Nota: Quixera que me remitises o Nº 56 de Grial, que non me chegou e o único que me falla.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    28/02/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Francisco Fernández del Riego
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: