Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Vigo 6-marzo 1978
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:
Acabo de recibir as tuas liñas do día 28 do pasado mes. Alégranos moito que a gripe que te colléu no viaxe se resolvese ben e axina. O importante é que, coma sempre, sigas a traballar co mesmo entusasmo.
De Prada hai unha chea de tempo que non sei nada. Tamén é certo que eu me volvín moi preguizoso pra escribir cartas, e estóu en deuda con el. Sería moi interesante que atendese as suxerencias que lle fixeche sobre os dibuxos de Castelao e de Federico Ribas, pois compre ir recuperando pra Galicia todo o que se poda do que anda esparexido por ahí fora.
Isaac non me falóu nada en concreto sobre a idea de reconstruir o Seminario de Estudos Galegos, inda que se trata dunha idea que sempre acariñou. O que sí me dixo foi que, coincidindo coa inauguración da nova galería de Sargadelos en Santiago, vai adicarlle un homenaxe de recordo a aquela institución. Proxecta editar un volume con traballos dos membros do Seminario que sobreviven. A min pediume colaboración.
O problema da Xunta sigue o mesmo que cando tí te fuches. Planteouse o problema da presidencia, e os parlamentarios da UCD propuxeron a Pío. Pero este nome suscitou unha gran oposición, incluso entre os seus correlixonarios galegos. O caso é que o decreto de preautonomía está aínda por promulgar. Fálase de que nestes días haberá visitas a alto nivel pra presionar a súa posta en marcha. Veremos o que ocurre, pois parece que, unha vez resolto o de Cataluña e Vasconia, o demáis non lles corre presa.
Hoxe mesmo mándoche certificado por avión un exemplar do nº 56 de Grial que me pides, e outro do nº 59 –que mandéi preparar para tí, pois non sairá do prelo até fins de semana– porque nel figura un traballo de Mª Luisa Manzanares sobre o teu arte.
E nada máis che teño que contar polo momento. Garimosos saúdos a Maruxa, de Evelina pra os dous, e pra ti a cordial aperta de sempre de
Paco

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    06/03/1978
  • De:
    Francisco Fernández del Riego
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Vigo
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: