Fundación Luís Seoane

----

Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1978

05/04/1978
Díaz Pardo, IsaacFernández del Riego, FranciscoHervella, EvelinaMartínez López, RamónSeoane, LuísSeoane, Maruxa
Compartir en

Buenos Aires, 5 de Abril de 1978
Sr. D. Francisco Fernández Del Riego
Vigo

Querido Del Riego:
Recibín a tua carta do 6/III e os números 56 a 59 de Grial. A carta con noticias que che agradezo moito. Eu estou feito unha calamidade, perdín, creo, espero que sea momentáneo, todo o entusasmo no traballo e téñoo dabondo, mais non atino a comezar. Funme arredando de moitas cousas e non sei cal será o porvir noso. Eu tiña, de acordo con Isaac, unha especie de programa de fundacións prácticas, que xa non se levarán a cabo, ourentadas cara ás necesidades primeiras dos campesiños, programa en xeral de educación, para crear entidades mais efectistas, totalmente inútiles para Galicia pero que lle sirven á propaganda da porcelana, aforrando a inversión de cartos na publicidade e desenvolvéndose de xeito caprichoso con respecto aos problemas de Galicia, dos que ten un descoñecemento absoluto. Unha primeira fase cumplíuse con moito éisito polo Museo Carlos Maside, mais él desfixo, nas miñas ausencias, a continuidade da laboura que se emprendera. E eu, o maior donante, o úneco que mercou cadros para dar unha primeira idea do arte actual galego, e o que conqueríu as outras donacións non facendo nada para aparecer dirixíndoo, negándome incluso a falar ou facer nada que podese identificarme con esa laboura, algo que xa esperimentara no traballo da colectividade de Buenos Aires, quedei separado en parte da sua ourentación. O programa do Museo que non se poido levar a cabo, e que fixen totalmente eu, é o que está publicado no primeiro númaro do L. F. Ben, xa estou separado practicamente do Museo, ou estaréi xunguido a él si me resigno a obedecer as suas ocurrencias e actúo como unha especie de empleado. Galicia, por outra parte, por necesidade deles seguramente, adora aos empresarios, continúa importándolle pouco ou (sic) non ter conciencia de que a primeira fase de calquer revolución é cambear o sistema de vida que foi herdado, posibilitando á xente, a traveso do coñecemento do que o rodea, a estudar os meios de explotación industrial dese coñecemento. Esto falámolo cen veces en Buenos Aires, e deixouse escrito nas cartas que cruzamos. E de todo esto fai él caso omiso en beneficio da propia industria e non como aparenta, de Galicia. Eu desafogo hoxe contigo, molestándote con esto, cuios proietos non me beneficiaban a min persoalmente. Dígocho, penso, porque eres un dos poucos, tamén, que emprenden moita obra en beneficio de Galicia e non personal. Eu continúo sendo incapaz de que non se me note na faciana o meu disgusto ou a miña repugnancia. Que en tantos anos de Compostela non fun capaz de adeprender a sorrir e a abrazar os nemigos e os traidores, cecáis porque non mo esixíu o clima social en que sempre vivín. Os cartos para esta obra tiñan de xurdir da Fábrica de Sargadelos. Mais nunca establecimos que as ideas e os feitos culturales tiñan de sere ourentadas pola sua xerencia. Perdóame este desfogo, tiña necesidade de telo con algún amigo coma ti con quen estiven en contacto dende os anos de estudante en Santiago, e tendo, nos peores intres, participado en empresas comúns.
Outro problema é o da política galega. Aquí ninguén está contento. Eu tampouco. Penso que non interesamos ao centralismo e tampouco os que sempre supuxemos aliados, a Cataluña e Euzkadi, que nos muxen o mesmo que Madrid. Foi un erro, matino, en declarar disolto o Partido Galeguista.
A Isaac remitinlle a lista dos pertenecentes ao Partido Galeguista, dirixíuse logo a eles. Remitinlle tamén a lista de colaboracións, claro está, xa todo feito, onde lle pedíu un traballo sobre hestoria a Martínez López. Contesteille decíndolle que tiña de pedirllo encol da súa especialidade, e a tí sobor política cultural galega entre 1936 e o 76, que creo é moi necesaria en este intre, proietándose na tua colaboración a que ten de seguirse no porvir. Logo desto non sei mais nada.
E non quero facer mais extensa esta carta. Unha gran aperta para Evelina e pra ti de Maruxa e miña:
Seoane

[Escrito a man na marxe superior esquerda:] Montevideo 1985-13º Dto. 68 1021-Bs Aires

Ficha documental [Imprimir]
  • Colección:
    Fundación Luís Seoane
  • Data:
    05/04/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Francisco Fernández del Riego
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: