Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.
Compartir en

Montevideo 1985-13º Dto. 68 1021-Bs Aires

Buenos Aires, 18 Xulio de 1978
Sr. D. Francisco F. Del Riego
Vigo

Querido Del Riego:
Acompaño a estas liñas unha nota que fixen respondendo a crítica que fixo Cesar Antonio Molina á Antoloxía de Nordés. Non sei quen é Cesar Antonio Molina, pero, no que escribe ao se referir a min, teño a impresión de que non quería quedar mal conmigo, e teño a necesidade de decir o que penso do que fago sin me importar o que din os críticos. Si me tivese importado fai tempo que tería que deixar de traballar nas miñas cousas. Quixera publicala no Faro de Vigo, na páxina literaria dos domingos, si a ti che parece ben, pois por razóns que sei comprendes non podo facelo na Voz de Galicia.
Estes dias chega Domingo. Estou desexando velo e falar con él. Pra nós será unha festa. Non sabemos nada de Galicia dende fai moito, e desexamos escoitalo. Estamos soios logo de marchar pra esa Lorenzo Varela, e non teño vínculo algún coa colectividade. Soio con Prada, a quen vexo pouquísimo por razóns de saúde de Manolita.
Si me publican esta nota pregaríache que me enviases o recorte. Tamén gostaríame moito continuar facendo “Figuracións”, a sección que fixen tres ou catro anos seguidos na Voz de Galicia, quixera que consultases tamén esto no Faro, non sei de quen depende. Nos non sabemos que facer, si voltar a Galicia pra nos quedar a vivir nela, ou quedarnos eiquí, onde teño unha vida feita, unha gran biblioteca que tería que desfacer e unha cantidade moi grande de cadros, grabados, tacos de madeira, dibuxos, etc. Non sabemos que facer. Teño medo a voltar. Penso que Maruja ten menos. Mais calquer decisión nosa é común. Teño ganas de traballar ahí. Mais logo do meu fracaso co Museo o meu traballo ten de sere individual, ou con xente que pense en Galicia non dende o punto de vista industrial.
¿Cómo foi acollido Galicia 2002?. Eu non sei tampouco nada de esto. Dime o teu parecer, o dos amigos. A parte miña foi moi descoidada e, en mais, incorporeime tarde ó grupo. Escríbeme, preciso de comunicación con vos, teño necesidade de noticias de todos vos. E procura que se publique a miña resposta a La Calle, si a ti che parece ben.
Unha gran aperta de Maruxa e miña pra Evelina a pra ti.
Seoane

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    18/07/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Francisco Fernández del Riego
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Escrito a man na marxe superior esquerda:] [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: