Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1978

20/10/1978
Francisco Fernández del RiegoEvelina HervellaCésar Antonio MolinaLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en

LUIS SEOANE
Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978
Sr. D. Francisco F. Del Riego
Vigo

Querido Del Riego:
Escribinche fai meses, a mediados de Xulio, pedíndoche que me dixeras o teu parecer sobor da nota que me enviaba respondéndolle a un señor Molina, e tamén encol da posibilidade de continuar a sección que facía para La Voz de Galicia, no Faro de Vigo. Remitícheme a nota encol do xuicio de Molina sobre a miña obra e prometías escribirme unha carta mais adiante. Non chegou, e gostaríame que me escribises. Eu estou moi lonxe de todos vos e cada vez mais de Galicia, pois aquí non chega ningunha clase de noticia referida a ela, soio os vascos e cataláns teñen ese privilexio. Aparentemente non existimos, e a xente está descorazonada, pois non saben que conqueríu Galicia en todo este tempo, dende que se anuncióu a preautonomía.
Nos matinamos que iremos en febreiro, non sabemos ben, aínda, si pra sempre ou novamente por un ano. Eiquí pensan facerme unha gran exposición retrospectiva de homenaxe, que agradezo moito, con motivo de que en 1980, cumplo setenta anos. Non tiña conciencia da edade, eles, os que propoñen a gran mostra retrospectiva, fixéronme rememorar a xente da miña xeneración, os compañeiros de fai pronto meio século nas nosas primeiras loitas, das nosas esperanzas pra unha Galicia que tiña de vir, etc. Mais todo frustrouse e temos traballado mais en peores circunstancias que os de algunhas xeneracións atrás. Os que chegaron despois noso non parecen ter en conta canto afectóu o noso traballo esas circunstancias. Alá eles. Son fillos, ou netos, ou familiares dos que diron lugar a elas. Mais non quero falar desto, nin escribir encol delo.
Neste intre quero pensar mais ben no libro de grabados que está a aparecer, con prólogo en galego e castelán. Faise por unha editorial arxentina, con él quero voltar, aínda que sexa soio con grabados, aos temas de leendas e históricos, nunca utilizados, que sepa eu, en Galicia. Refírome ás leendas, ou utilizado moi pouco no XIX en canto ao histórico. Trátase dun libro con setenta e dous grabados e tidoase Imágenes de Galicia.
Recibín o libro que me remitiches Galicia 2002 mais non sei si tivo eco algún. A min trocáronme algunhas verbas para poñelas en portugués ou en castelán. Continúo matinando que o vocabulario fíxose logo dun uso constante do idioma e, pola miña parte veño notando que verbas que son arcaísmos do castelán que se din na Arxentina, e que producían risa en España, voltouse ó uso delas como por exemplo ubicar, a forza, seguramente, da lectura de traduccións feitas polas editoriales en Buenos Aires.
Mais non é eso o máis importante, o que a min impórtame, senón saber si tivo o efecto que esperaban os orgaizadores e do que eu fun mais ben escéptico.
Escríbeme, por favor; por ti e dous ou tres amigos mais, síntome vinculado a Galicia.
Recibide Evelina e tí unha grande aperta e moi garimosa de Maruxa e miña:
Seoane

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    20/10/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Francisco Fernández del Riego
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e o membrete:]
  • Termos clave: