Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a Fernández del Riego. 1978

21/11/1978
Francisco Fernández del RiegoDomingo García-SabellÁlvaro Gil VarelaEvelina HervellaXohán LedoLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en

Buenos Aires, 21 de Novembro de 1978
Sr. D. Francisco Fernández del Riego
Vigo


Meu querido amigo:
Lamento moito a morte dos teus irmáns. Non soupen nada e estrañábame o teu silencio, non podía comprendelo dada a nosa amistade, e queixeime inxustamente. Perdóame, síntoo moito e estou contigo na tua door.

Onte falou conmigo dende Lima, Garcia Sabell. Estará nesta o Domingo que ven e prometeunos unhas horas para falar de todo, amigos, traballos, etc. De ahí non soupen nada durante os derradeiros meses. Nin siquera me enterei da inauguración do Museo Maside hasta que mo dixo Xosé Luis Vázquez [de Castro] en Buenos Aires, fai uns dias. Todo o que soupen foi dunha xuntanza do Patronato no Castro con motivo de ter ido a Coruña Alvaro Xil, invitándome a unha comida en Sada. Non tiven noticias de nada. Mais estou acostumbrado a perder e teño decidido, cecáis cando volte, a renunciar a formar parte do Patronato. Fixen o Museo e fun despoxado do meu dereito a opinar. Foi idea miña, como outras desnaturalizadas, deixei a miña colección, merquei moitos cadros, pedín a donación de outros, sentei as liñas xerais pra facer del un centro cultural dinámico e remata sendo propiedade dunha fábrica e non de Galicia como aspirábamos a que fose. O que me resta por donar fareino máis adiante, si se concreta, ao Museo de Vigo, ou o da Coruña. En canto a miña Biblioteca de Arte, de arredor de dous mil volúmens téñoo decidido, senón poñen dificultades, de donala á sección de Historia do Arte da Facultade de Filosofía de Santiago, que é, penso, onde mais a precisan. Desto falarei con Domingo no tempo que estemos xuntos. A xente que atopei en Santiago o ano pasado que tiñan rematado a carreira non teñen mais noticia do arte do noso tempo que o que poideron adequerir pola sua conta en lecturas de revistas e nas conversacións das tertulias. A miña biblioteca foi feita no transcurso de coarenta anos, con moitos sacrificios como te podes imaxinar polos precios dos libros, pero foi o meu vicio, e hoxe poseo moitos raros e agotados.

Tampouco estou enterado de cales son os traballos que se fan encol do Seminario de Estudos Galegos. Por outra parte eu non formaba parte do vello Seminario, pero enmais é que non sei nada de Galicia e as xentes de eiquí tampouco. Nunca estivo máis lonxe Galicia de Buenos Aires que nestes dous derradeiros anos. Nesta semán ou nos primeiros dias da que ven, logo da presentación de Imágenes de Galicia por un crítico arxentino nunha galería de eiquí, enviarei a todolos amigos, entre os primeiros a Ricardo e a ti, o exemplar do libro, agradecendo a vosa opinión sinceira.
E nada mais hoxe. Unha grande e garimosa aperta de Maruxa e miña para Evelina e para ti:


Seoane

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    21/11/1978
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Francisco Fernández del Riego
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: