Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Fernández del Riego a Seoane. 1978

04/12/1978
Francisco Fernández del RiegoDomingo García-SabellEvelina HervellaLuís SeoaneMaruxa SeoaneLorenzo Varela
Compartir en

FUNDACIÓN PENZOL/Policarpo Sanz, 24/Teléfono, 18204
Vigo 4-de decembre do 1978
Sr. D. Luís Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:
Recibín a túa carta do día 21 de novembre. No entanto producíuse a morte de Lorenzo Varela. A tremenda noticia caéu sobre nós como un mazazo. Perdeuse con el un gran galego, un escritor de gran fuste e un gran amigo. Mándoche algúns retrincos de xornal nos que se comenta a dramática desaparición do autor de Lonxe.
A García Sabell nono vexo hai unha chea de tempo. Sei que está de regreso en Santiago, pero aínda non falei con el. Supoño que estaría contigo en Buenos Aires.
Teño gana de vos ver de novo en Galicia. Penso que non tardaredes en regresar. Daquela falaremos, pois considero que de ningún xeito debes renunciar a formar parte do Patronato do Museo Carlos Maside. A túa iniciativa e fundamental axuda foron as que posibilitaron o que hoxe exista. E sendo así, resultaría inconcebible que te alonxases dunha realización que tanto che debe.
Os traballos de posta en marcha dun novo Seminario de Estudos Galegos van por bó camiño. Están incorporados a eles especialistas xóvenes de todalas ramas. Dos vellos son moi poucos os que quedan. Pero entendo que se pode facer moito neste particular.
Estóu desexando recibir o exemplar de Imágenes de Galicia que me prometes. Cando chegue ás miñas mans, fareiche expresiva a miña opinión sincera.
Por aquí todo sigue máis ou menos igual. Hai moito rebumbio político. Eu mantéñome fora do xogo. Foron moitos anos de actividade anguriosa e síntome canso. Por outra banda, o problema de Artes Gráficas traime de cabeza, xa que a dura situación económica provoca unha importante devolución de letras e todo vai mal.
A nosa xeneración, tan sacrificada, foi vítima propiciatoria duns e doutros. O único que ainda nos debe animar é saber que cumplimos cunha obriga histórica, e que a nosa conciencia está tranquía nese particular. Hai que confiar en que algún día se lle fará xusticia.
E nada máis por hoxe. Con saúdos garimosos a Maruxa de nós os dous, recibe a cordial aperta de sempre
Paco

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    04/12/1978
  • De:
    Francisco Fernández del Riego
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Nova York
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa e o membrete:]
  • Termos clave: