Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

A Coruña, 2 de Marzal de 1979
Sr. D. Francisco F. del Riego
Vigo.


Meu querido amigo:

Fai algúns anos o escritor e crítico Francisco de Miralles escribiu nun artigo encol dos museos: “Polo momento, non existe unha política museística. Non se plantexóu aínda o uso dos museos”. “Constituien, esto si, fontes de coñecimento histórico”. Referíase a España. Nos Museos de outros países de Europa veñen, dende fai tempo, servindo a unha política educativa, constituíndo verdadeiros centros docentes a cuio frente téñense xentes non somente especializadas, senón con unha gran esperencia nestas custións. Non se trata soio da obra arquitectónica útil que se poda facer pra eles, con todo o que esixe un museo do noso tempo, senón do xeito en que o museo sirva á colectividade. Para elo, presentamos no primeiro tomo de L. F. un plan de traballo educativo que parece non ter sido leído por cuasi ninguén, dándolle a razón a García Sabell en “O desdén pola lectura”, que tan axeitadamente escribíu fai uns dous meses. No traballo noso establecíase que o Museo de Arte Carlos Maside, fundábase co ouxeto de espallar, ilustrándoa, a intención dunha xeneración de artistas que creeron nas posibilidades dun arte galego, non somente caracterizándose por unha temática propia galega, senón polos aspectos formais da obra de arte no noso tempo. Dende o punto de vista didáctico atendíase a mostrar neste pequeno museo a obra dos artistas galegos a partir do ano trinta, é decir, de aqueles que, pra nos, foron os primeiros innovadores, facendo a sua obra con conciencia moi clara encol das posibilidades dun arte diferencial galego e tendo en conta o carácter precursor dun artista anterior, Castelao. Ningún outro. Eu fun o autor desde proieto feito de acordo con Diaz Pardo, que pra ese mesmo número de L.F. fixo o proieto adicado a Sargadelos. Mais, así como Sargadelos fundouse plasmándose a sua realización con arreglo ás ideas de Diaz Pardo, a concepción do Museo, miña, co meu foi o maior aporte de obras, arredor de 140, da miña propiedade, reunidas en moitos anos, ou que merquei espresamente, ou obras propias feitas por min, ou que conquerín de amigos de moitos anos, aos que recabei o seu apoio, e que, xustamente polo seu aporte débense considerar, como a Isaac Diaz Pardo ou como a min, tamén seus fundadores.

Como antecedente das que denominamos funcións estáticas e dinámicas do Museo de Arte Carlos Maside, que influíron en xeral meu traballo, débense ter en conta, o Tren de Arte que montaron os constructivistas, futuristas e abstractos rusos na época da sua revolución, os plans que deixaron escritos pra Escolas de Arte, esposicións, etc., Anxel Ferrant, Gabriel García Maroto e Manuel Abril, na década do vinte; Herbert Read e Schmidt de mais tarde, Director do Museo de Basilea, etc., e a esperencia transmitida oralmente no meu caso por Rafael Dieste, polos misioneiros pedagóxicos de España, fundadores de un Museo rodante con copias de obras do Museo do Prado, pronunciando conferencias sobor delas polos pobos españoles.

Mais teño que deixar aclarado que, do Museo de Arte Carlos Maside non fun nunca seu director, senón un dos seus fundadores; si queredes, e facedes caso de Diaz Pardo que o publicou nun artigo, o seu fundador, posto que foi un soño da miña vida, do que falei e escribín moito; e doutros soños que tiñan que ver con diversos ensinos sinxelos pra o pobo e que deberon terse cumplido ao meu ver, a traveso do Laboratorio de Formas, logo de feitas a fábrica de Sargadelos e de estar en camiño de se facer o museo. Non poido sere. Cumplido en parte o soño do museo, soio en parte, a consideración desto e do que non se fixo, é xa un problema persoal, de incapacidade si queredes miña. Xa non discuto mais e retírome de calquer actividade que non teña que ver co que habitualmente fago, grabar ou pintar. Na miña resolución non hai acritudes, nin renuncia ás miñas vellas ideas galeguistas e non me arrepinto do meu pasado, do que estou, polo contrario, orguloso, fíxeno todo cecais mal, mais con dinidade. Desexo de non contribuir a mais discusións sobor actitudes inconsultas, personais, etc. Xa non teño mais nada que decir. Mais ben penso que fica todo dito e que en nada afecta á amistade, como se pode deducir da carta que lle remitín a Diaz Pardo o 19 de Febreiro deste ano, e que foi contestada o 25 dese mesmo mes. Teño de engadir, con respecto á carta miña, rectifícome en canto ao referente á renuncia ás acciós de miña pertenencia en Cerámicas de Sargadelos. Continúan sendo miñas, mais, os beneficios que produzan estarán adicados a premiar cada dous anos ao pintor, grabador, ou escultor, en calquera dos seus xéneros, que, logo de ter traballado dez anos consecutivos no seu arte tivese probado a sua calidade na totalidade da obra feita, a xuicio dun xurado que nomee o Patronato do Museo de Arte Carlos Maside, e, a cuio xurado, ten de pertenecer un membro do Patronato. Non tendo o candidato menos de trinta anos de edade. Terá tamén de ser nado en Galicia, ou fillo de emigrantes galegos, ou simplemente de galegos. O beneficiado co premio deberá deixar unha obra ao Museo de Arte Carlos Maside.
Vivindo do meu traballo, esto é do pouco que podo facer, na miña situación, por Galicia.

Esto é todo. Remito fotocopia, perdoádeme, desta carta a cada un dos membros do Patronato.

Recibe unha grande aperta de:


Luis Seoane

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    02/03/1979
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Francisco Fernández del Riego
  • Orixe:
    A Coruña
  • Destino:
    Vigo
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada con firma autógrafa]
  • Termos clave: