Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Vigo, 17-12-1949
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Querido Seoane:
Pol-o noso Del Riego soupen que estiveches unhas horas en Vigo e que falaches con algúns amigos. Tamén me informou do éisito da túa exposición en Londres. Xa te podes supoñer canta é a nosa ledicia, que será máisima cando volvamos a terte entre nós definitivamente.
Aproveito a ocasión que me ofrece ista carta pra te informar de un interesante proieito artístico que te incluie a tí e que agardo mereza a túa axuda. Trátase de isto: En Lugo, tomando por base unha sociedade popular de gran arraigo na cibdade –o Círculo de Artes–, teimase levar a cabo unha gran exposición de toda a pintura galega que representa algo, pra ofrecer unha primeira mostra de conxunto que poña remate a unha polémica que se vén cultivando encol da eisistencia ou ineisistencia de unha pintura galega: Xa te decatas, sin necesidade de que cho diga eu, que non se pretende facer un simple reconto numérico de cadros ou de pintores, que non ten razón de ser, sinón que se pretende axuntar alí unha escolma cualitativa do que a pintura galega leva realizado deica hoxe, procurando, iso sí, que tal escolma sexa completa. Quérese, con ista iniciativa, comenzar unha nova etapa na que se intenten valoracións de conxunto. Pra lle dar á tentativa toda a resonanza que merece, proiéitase coincidir co-ela unha serie de conferencias a cárrego de personalidades galegas de outo renome cultural (Menéndez Pidal, Cotarelo, Sánchez Cantón, Otero Pedrayo, [Salvador] Velayos (o físico) etc., e pra que quede lembranza duradeira da Exposición editarase un libro-catálogo, diñamente presentado, no que se reproduzan os cadros máis representativos de cada autor e se acompañen de estudos críticos de cada un, así como algúns traballos adicados ao tema xéral da “pintura galega”. Os organizadores teñen gran entusiasmo e queren facer as cousas en serio. Pedíronnos axuda a Fole e mais a mín, axuda que nós quixéramos facer eficaz. ¿Quererás tí, querido Luis, axudarnos a Fole e mais a mín a conquerir o novo empeño?
Mira, o problema máis difícil é precisamente o de contar co-a obra dos pintores que estades fora: Colmeiro, Souto, M. Mallo (que é luguesa) e tí mesmo. Do Colmeiro hai algúns cadros antigos que podemos contar co-iles, e dín que recentemente pintou tres eiquí; de Souto tamén hai algúns cadros –poucos– da sua primeira época; de Maruxa Mallo e teus non sabemos de ningún. ¿Como se podería resolver ista dificultade? O criterio dos organizadores, que non responde a inspiracións oficiaes de ningunha crás, é de conquerir que a vosa obra esteña representada axeitadamente. Nós quixéramos conocer as túas suxerencias quixéramos que recolleras, de parte nosa, as de Maruxa Mallo e de Souto, pois non temos comunicación co-iles. Ao Colmeiro xa lle escribimos direitamente a París. Como o plan é de que a exposición se celebre na primaveira que ven, conviña que nos escribises canto antes.
Xa sei que ves a L. Varela. Como é un vello amigo meu, mándoche unha liñas pra íl.
Da xente de por ahí imos tendo novas de vez en cando. Sempre vén algún viaxeiro que nos informa de unhos e de outros. Por eiquí está a producirse un rexurdimento cultural moi alentador, pois amostra unha vitalidade que máis tarde, estou seguro, ha de estenderse a outros campos da aitividade humán.
Está visto que somos inmorrentes, ¿non cho parece?
Moitos saúdos a tódol-os amigos e unha aperta moi forte pra tí do teu amigo
Ramón Piñeiro

Señas:
San Roque 48, 2º
Lugo

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    17/12/1949
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Vigo
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: