Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Oviedo, 17 de xaneiro 1967
Sr. Don Fermín Bouza Brey e
Don Ricardo Carballo Calero
COMPOSTELA E LUGO

Meus queridos amigos:
Vos supoño sabedores de que, na xuntanza da Academia do 18 pasado, fúchedes nomeados ensembla conmigo pra informar sobor da proposta en favor de González Garcés como académico numerario, na vacante de Rey Soto (q.e.p.d.). Dita proposta, como saberedes, foi presentada por Ferro Couselo, Cunqueiro e Freire de Andrade.
De ningún xeito trato de torcer o voso criterio; somentes os quero adiantar que eu, pola miña parte, estou disposto a informar en contra. Con toda honradez, sin que me movan razóns persoanles—que nin eisisten nin serían quens de me ditar unha inxustiza—coido que iste amigo non ten méritos bastantes, o que non é impeitizo para que os teña en outros terreos. Un só libro de versos galegos e uns artigos de prensa sobre temas máis ou menos vencellados a Galicia, non me parecen méritos dabondo, maormente pensando nas moitas xentes que na nos aterra traballan con meirande adicación e cicáves con miras máis desinteresadas pola non cultura. Tal é o caso, precisamente, de Rafael Dieste, cuia candidatura se opón á de Garcés, de xeito que si xa os méritos diste parécenme poucos, ainda resultan máis cativos opostos aos de Dieste.
Vexo, por outra parte, que nista desiñación, polo que a min toca ao menos, hai algo de maquiavelismo estreito. González Garcés e os seus amigos saben que eu non estóu ben disposto no seu favor; encomendándome o informe póñenme nun brete; si é favorábel—coma sen dúbida esperan, por respeto á tradición—non podo logo refugar o voto; si fose desfavorábel, quedaría eu nunha postura pouco airosa, coma quen dí en evidencia. Non sei si no voso caso daránse as mesmas circunstancias.
Eu teño eiquí a proposta en favor de Garcés máis o seu curriculum vitae, que é a cousa más desmesurada que na miña vida vin, somentes comparabre ao globo de Betanzos. Dígovos que non quero mediar no voso criterio, pero vos rogo que, tal e como eu fago, señades sinceros conmigo. En Compostela podedes vervos un día e parolar do asunto. Si estades dispostos a informar a favor, eu non tería máis remedio que facelo. Si coincidides conmigo, argallaríamos unha fórmula discreta, que de momento non se me ocurre.
En todo caso, un por un ou xuntos os dous, facédeme o favor de contestarme, ca posibre urxencia. É un mal trance no que nos puxeron, polo menos a min, e quero saír del o máis axiña, porque hai que rifar a cotío ca vida e precisa un home ter a meirande tranquilidade posibre.
Unha fonda aperta do voso amigo,
X.M.A.B.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]