Carta de Piñeiro a Seoane. 1951
22/09/1951 Santiago de Compostela, 22-9-1951
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires
Meu querido amigo:
Istes días lin no xornal La Noche un artigo de Lorenzana adicado a tí. Lendo o artigo, sentín ganas de che escribir unhas liñas pra che decir que somos moitos máis dos que tí te imaxinas os que eiquí seguimos con atención e con sinceira ademiración a laboura teimosa, calada i-eficaz que ano tras ano ves realizando en proveito do patrimonio espiritoal galaico. A influencia persoalísima da tua laboura percíbese ben en moitas cousas das que ahí se fan, sobre todo nas que constitúen motivo de orgullo pra nós. Moita xente que non te conoce persoalmente sabe de tí e do que ahí vés facendo. ¡Cantas veces nas miñas pelerinaxes por Galiza tiven que satisfacer a curiosidade dos que me preguntaban por tí! Tamén me preguntaban por outros, craro está, pois eiquí viveuse durante moitos anos cos ollos postos na outra banda do Atlántico. Dígoche todo isto, inda que non veña moito a conto, porque a leitura do artigo de Lorenzana tróuxome ás mentes todas istas lembranzas e sentín un vivo desexo de comunicarchas.
Mándoche tamén un traballiño sobre a saudade que publiquei no nº 1 de Grial. Por eiquí i-en Portugal tivo boa acollida –millor do que eu podía imaxinar– pro en Madri espertou unha reaición violenta n-algún xornal de por aló.
Dispón como gustes e recibe unha forte aperta d-iste teu bó amigo
Ramón Piñeiro