Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Láncara (Lugo), 26-XII-1953
Meu querido amigo:
Canto me dispoñía a saír pra istas terras luguesas a pasar o Nadal co-a familia, chegou o teu fermoso Libro de Tapas. Xa o tiña visto na casa do Domingo e moito me gustara. Dous días antes, estando Domingo e máis eu na casa de Paco, en Vigo, e con ocasión de faláremos do teu libro, díxome Domingo que che tiña escrito pedíndoche un exemprar pra mín. Eu alegreime moito co-a noticia, pois non me houbera atrevido a facelo. Cando o carteiro me trouxo o libro enviado por tí, xa podes figurarte a miña emoción. Tróuxeno a Lugo pra llel-o amostrar ós amigos de por eiquí (Pimentel, Celestino, Anxel Xohán, Manuel María, Novoneyra, etc.).
Tamén na casa do Domingo vimos moitas veces un espléndido lenzo teu, no que resplandece un limpo celme galego que non deixa de ser sorprendente. Xa se bota de ver que que si o pintor está lonxe da terra, tena, en cambio, moi viva e moi acesa no corazón.
Nistes días sairá un novo tomo de ensaios editado por Galaxia e adicados ó tema da saudade. A continuación, sairá a primeira monografía de arte galego, que está adicada a Colmeiro.
Dentro de uns dias –en canto chegue ás miñas mans– enviareiche un novo traballo que fixen sobre a saudade. Eu penso que ista é unha vía na que artistas e filósofos poden colaborar pra acadar unha fisonomía espresiva do noso ser íntimo. Niste novo traballo percuro trazar as liñas fundamentás de unha filosofía basada na vivencia da saudade. Dareime por moi satisfeito con que contribuia a lle prestar atención ó problema.
Unha aperta moi forte do teu bó amigo.
Ramón Piñeiro

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    26/12/1953
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Láncara
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: