Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Seoane a Piñeiro. 1954

21/01/1954
Francisco Fernández del RiegoDomingo García-SabellRamón PiñeiroLuís SeoaneLorenzo Varela
Compartir en

Buenos Aires, 21 de xaneiro de 1954
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela

Querido Piñeiro:
Recibín fai uns días a túa carta de Decembro e quero contestala denantes que o tempo me esgane no seu aguzado avanzo. Pasei unha tempada abrouxado de traballo. Fixen dous murales importantes que gostan moito e nos que intentéi renovar, na medida das miñas cativas forzas, ese xénero de pintura. Grandes llanos de cór dinamizados con grafismos un pouco á maneira dos románicos, e máis concretamente dos muros pintados de San Isidoro de León, dos que lémbrome a miudo, e que teño no meu curazón coma as pedras labradas do noso románico, endemáis as do Pórtico da Groria, pra mín a obra máis xenial de Galiza e das que me envióu Domingo unhas moi boas fotos que agradézolle fondamente. As lembranzas vanse tamén perdendo co apartamento da terra. Traballo o que poido, traballo sempre, sin saber bén pra qué. Nun meio do que mellor é non falar si temos de referirnos á coleitividade, fundamentada en argalladas sandeas e cuio valor maior reside nas individualidades máis humildosas.
Quixera sere parceiro do voso traballo máis o meu destiño é outro, e os que estamos eiquí temos de traballar isolados, lonxe de todo aquelo que amoramos, e lonxe tamén do que nos cerca. En marzal sae un libro de poemas en galego de Varela con grabados en madeira meus. Os poemas son extraordinarios, entre eles un adicado a Lugo, e trataremos de facer unha boa edición. Todo está feito en homenaxe a esa terra perdida cicáis pra nós.
Non recibín aínda o tomo de Galaxia sobor da saudade que me anuncia Del Riego e que supoño será moi bon. Tiña noticias dél por Domingo.
O Libro de Tapas acadou un gran éxito nesta, téndose pagado en moi pouco tempo, tres ou catro meses, a edición a pesares do seu outo prezo, iestou contento deste eisito. Teño que remitilo aínda a moitos amigos desa e fareino nestes días.
Creo que nunha anterior agradecínche as túas liñas da revista Lar adicadas ao meu libro, que as supoño polas súas xenerosas verbas guiadas pola túa amistade. De todas sortes, coma nunca estou seguro de ter contestado as cartas, quero voltar a manifestarche o meu agradescemento por ese artigo. A todos vós dévobos as máis gratas emociós e os pulos millores, e a todos vós de certo xeito vai adicada toda a miña obra que ven sendo desí o acougo que ninguén pode contarme.
Preparo outras cousas das que xa falaremos.
Nemantras recibe a forte aperta do teu amigo
Seoane.

Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    21/01/1954
  • De:
    Luís Seoane
  • Para:
    Ramón Piñeiro
  • Orixe:
    Bos Aires
  • Destino:
    Santiago de Compostela
  • Ficha descriptiva:
    [Carta mecanografada]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: