Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Compostela, 3-1-55
Querido Seoane:
No mes pasado chegou ás miñas mans o teu album Campesinos. Nunca poderás maxinarte a inmensa alegría que tiven cando Domingo mo entregou. Xa o tiña contemplado dúceas de veces na casa do Paco, sempre con nova emoción. Pra che espresar con verbas o meu agradecemento, tería que saber traducir os sentimentos en palabras co-a mesma pureza con que ti os sabes traducir en liñas e coores. Ben sabes, querido amigo meu, que non teño ise don. Recibe, pois, a miña gratitude inda que seña espresada cáseque en silencio. Por se tratar de un dises libros ós que un normalmente no pode chegar cos medios propios, a sua posesión prodúxome unha mezcla de ledicia e de estraneza, mesmo coma si non me correspondese telo. Tranquilizouse a miña concencia ó pensar que eiquí á miña casa veñen moitos que, estando en condicións semellantes, poderán disfroitar plenamente na sua contemplación. Moitos dos rapaces galegos que levan no peito a quentura do amor ós nosos valores espritoás, veñen adoito cabo de min. Satisfaime moito o poderlles amostrar o teu album – i-en xeneral o que ahí facedes– como exemplo i-estímulo pra as suas arelas. ¿Non é iste o destino máis nobre e máis auténtico do voso labor?
Xa sei que che gustou a monografía do Maside. Non deixes de llo decir a íl, pois alegrarase infinito co-a tua aprobación. A tua, que axiña estará lista, tamén che gustará. Estou seguro.
Mándoche iste artigo que lle entregara a Borobó pra o estraordinario de fin de ano. Como no mesmo número iba a saír a tradución do artigo de Domingo adicado a Lonxe, o meu terá caráiter máis xeneral. Saíron os dous ocupando unha mesma páxina adicada ás letras galegas na emigración. Por moitas razóns, eu quixen destacar, máis que unha obra individual, a vitalidade da cultura galega fora de Galicia. O título tan periodístico do artigo é obra do Borobó. Eu puxéralle iste: Creciente amplitud de nuestra cultura, que íl aproveitou pra titular a páxina. O artigo de Domingo xa o conocedes, fermoso coma un verdadeiro poema.
Os meus desexos agora ó comenzar iste novo ano son de que poidamos xuntarnos todos, vós e nós, nunha gran romaría eiquí na terra durante o ano 55.
Unha aperta moi forte do teu amigo
Ramón Piñeiro

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    03/01/1955
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: