Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Piñeiro a Seoane. 1956

20/07/1956
Ánxel FoleDomingo García-SabellCarlos MasideRamón PiñeiroLuís Seoane
Compartir en

Compostela, 20-VII-56
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Meu querido e lembrado amigo:
Fai tempo que recibín o teu libro Na Brétema, San-Iago. Tamén fai tempo que tiña mentes de che escribir pra comunicarche que o tiña recibido e, sobre todo, pra che facer presente a miña gratitude máis sincera por me teres incluído entre o número dos favorecidos con tan fermoso agasallo. Os mil trafegos cotiáns dos que endexamais me dou desencerellado foron aplazando a miña carta. Non quero, con todo, que pase máis tempo. Nistes días en que se achegan as festas da Terra, lémbrome moito de vós e non quero deixar de che escribir unhas liñas.
Como podes supoñer, lin o teu libro con devoción. Góstame a forte sinxeleza poética das evocacións. Si, amigo, a nota predominante dos teus poemas e, ó meu ver, a sinxeleza. Pro unha sinxeleza forte. Algunhas das evocacións teñen unha certa plasticidade valleinclanesca, pro, aínda estas, singularízanse craramente pol-o seu recendo e espontaneidade emotiva, pol-a sua carenza de ourivería literaria. Con todo, como teño a obriga de che ofrecer o amistoso homenaxe de sinceridade, debo de che confesar que me impresionaron máis fondamente os grabados, algúns dos cales parécenme sinxelamente estraordinarios. O libro en conxunto é unha fermosa xoia.
Eu douno a conocer ós mozos, cos que teño frecuente contaito. E agora cando me marche de vacacións, levareino pra amostralo ós devotos das nosas letras.
Con Maside, con Domingo e con Fole –eiquí ou en Lugo– teño moitas ocasións de te lembrar e de comentar a tua asombrosa capacidade creadora, que a todos nos ten ademirados.
Unha aperta moi forte do teu amigo.
Ramón Piñeiro.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    20/07/1956
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: