Carta de Piñeiro a Seoane. 1961
27/12/1961 Compostela, 27-XII-61
Benqueridos amigos:
Nistes dias de convivencia e de evocación familiar e amistosa, lembrámonos moi especialmente dos bos amigos que están lonxe. De corazón vos desexamos un ledo Aninovo e as meirandes venturanzas pra iste ano que agora imos comenzar.
Non volvin ver a Dieste. Coido que marchou a Madrid. Un plan que había de que viñeran pasar un fin de semana á casa de Domingo quedou aplazado pola enfermedade e morte da nai diste.
A novedade máis recente de por eiquí que che podo dar non é nada grata: hai catro días, un coche pasou por enriba de Valentín Paz Andrade en Pontevedra. Fracturoulle as duas pernas, a cadeira, a clavícula i esnafroulle a cara. Hoxe fómolo ver ó sanatorio. Semella un Lázaro. Con todo, as impresións médicas son boas. Agardan que curará normalmente e que quedará ben.
Moitos saúdos nosos a Maruja e de Isabel pra tí. Unha forte e cordial aperta do teu amigo.
Ramón Piñeiro
Moito nos alegramos dos teus triunfos artísticos, que son triunfos nosos.