Proxecto epístola

Agrupación de coleccións epistolares para a páxina institucional do Consello da Cultura Galega.

Carta de Piñeiro a Seoane. 1966

25/11/1966
Isabel López GarcíaJosé Ortega y GassetRamón PiñeiroLuís SeoaneMaruxa Seoane
Compartir en


Compostela, 25-XI-66

Benquerido Luis:

Recibín as duas monografías sobre o teu arte. Foi unha leda, emocionante sorpresa, despois de varios meses de incomunicación. De vez en cando, chegábame o rumor de que ibas vir e afincar en Sada. Despois dixéronme que pasaríades por eiquí agora a fin de ano. E, nesta agarda un tanto imprecisa, chegaron as duas fermosas monografías que, certamente, fan enormemente viva a tua presencia. Unha presencia que xa ten o valor indiscutíbel da perennidade a través da obra.
Pola nota que figura na monografía de Ediciones Esquema XX, vexo que tiñas preparada unha xeira polos EE. UU. e que se interrumpíu. Síntoo, porque estou seguro de que chamaría a atención e interesaría alí a tua obra. Eu estiven por alá dous meses e medio e, polo que vin, coido que lles interesaría o teu arte. Fun dar un curso sobre Ortega e máis asistir ó vi Coloquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros. Con tal motivo, estiven en varios sitios e sempre percibín unha gran curiosidade polo arte moderno e mesmo polas formas máis vangardistas.
A monografía de Bonino é interesantísima polo seu caráiter antolóxico de cáseque 20 anos de labor. Algunhas das láminas en color –por exemplo a nº V, ou a nº VI– engaiolan pola súa serena armonía. Verdadeiramente, eiquí en Santiago debería de haber unha gran sala adicada á tua pintura. É unha pena que haxa tanta obra tua polo mundo adiante e tan pouca en Galicia. Está ben, moi ben, que a haxa polo mundo adiante, pro está mal que o país non se ocupe de conservar pra sí parte desa obra.
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo certo

Ramón Piñeiro

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Ficha documental [Imprimir]
  • Forma parte do conxunto:
  • Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane.
  • Data:
    25/11/1966
  • De:
    Ramón Piñeiro
  • Para:
    Luís Seoane
  • Orixe:
    Santiago de Compostela
  • Destino:
    Bos Aires
  • Ficha descriptiva:
    [Carta manuscrita]
  • Localización física:
    Fundación Luis Seoane
  • Termos clave: