Carta de Piñeiro a Seoane. 1971
12/10/1971
Compostela, 12-X-71
Benquerido Luis:
Xa che falóu o Domingo do homenaxe que lle queremos facer ao Fermín Penzol, no que percuramos cadrar ben o seu gusto pola bibliofilia coa sua inclinación a eludir a publicidade e a espectacularidade. Por eso, matinamos nun libro ben editado, de tirada moi reducida e non venal, que veña ser como un amistoso homenaxe íntimo. Non se trata, craro está, de incluír no tomo a todos os amigos do Penzol, que son demasiados para este fin. Tomamos por base cinco entidades culturais que o homenaxeado quere e admira moi sinceramente: Galaxia, a Fundación Penzol, o Museo Carlos Maside, o Laboratorio de Formas de Galicia e mais a Academia. O conxunto dos colaboracións recollerá a presencia destas entidades, a través das persoas que sabemos son motivo de alegría para o Penzol. Por eso, pensamos no teu nome, no de Isaac e mais no de Dieste, por séredes persoas que el admira e estima.
Pedinlle a Paco, para cho poder enviar, o tamaño do libro. Paco tratouno co Ricardo e hoxe mandáromo. Ahí che vai. Si posible for, gustaríanos ter arrecadados os orixináis para o cabo deste mes, entre eles as vosas colaboracións artísticas e máis as duas holandesas de prosa diesteana. Estou seguro de que xa che acraróu Domingo que estas duas holandesas son para refrexar a imaxe que o autor ten do Penzol ou ben para facer as consideracións que coide oportunas encol da sua personalidade.
Como che dixen, despois da nosa conversa o día da inauguración da exposición Picasso-Miró falei longamente co Xulio Maside. Comentei con el a necesidade de que no Museo Carlos Maside estea presente o máis representativo da sua obra, e mostrouse de acordo en que así tiña que ser. Penso que, antes de que tí marches, sería ben deixar resolto este asunto.
Apertas nosas para os dous.
Ramón